Rubén Arroxo, alcalde en funcións: "Non pode haber unha situación peor pola que asumir a Alcaldía"

O alcalde en funcións, Rubén Arroxo, compareceu na primeira xornada despois do falecemento da alcaldesa Paula Alvarellos para ofrecer un informe sobre a situación municipal.
Arroxo admitiu que "non pode haber unha situación peor pola que asumir a Alcaldía", pero subliñou que tanto a Corporación Municipal como o persoal do Concello continúan a traballar "para seguir adiante coas cousas que temos pendentes".
En relación á situación actual, asegurou que "estamos a pasar por unha situación moi complexa, mais levaremos o proceso transitorio da forma máis rápida e áxil para que Lugo recupere a normalidade canto antes".
Respecto ao proceso de elección do novo alcalde ou alcaldesa, Arroxo explicou que o prazo legal remata o 11 de marzo, e que o pleno do día 11 contará con dous puntos: a toma de posesión do novo concelleiro ou concelleira e a elección do novo Alcalde ou Alcaldesa.
Rubén Arroxo tamén destacou a implicación da veciñanza na lembranza de Paula Alvarellos. "O único positivo de todo isto é ver como se volcan as veciñas e veciños, con centos de persoas acudindo ao longo da fin de semana e na mañá de hoxe ao Concello", afirmou.
O reexedor en funcións resaltou que "Paula, máis aló de ser unha gran representante pública, vai ser lembrada como unha gran persoa", algo que se pode percibir "estes días no Concello", apuntou Arroxo.
A veciñanza segue demostrando o seu cariño e apoio a Paula Alvarellos, que deixará unha fonda pegada na cidade tanto polo seu traballo como pola súa calidade humana.