Rubén Arroxo declarou esta mañá nos Xulgados de Lugo polas ameazas recibidas nas redes sociais

LugoXa
Rubén Arroxo acudiu ao Xulgado de Instrucción para prestar declaración polas ameazas recibidas nas redes sociais a mediados do mes de xullo
Ruben arroxo xulgados
1 sep 2022

O portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, acudiu esta mañá ao Xulgado de Instrucción para prestar declaración dentro do procedemento xudicial derivado da denuncia polas ameazas aparecidas nas redes sociais a mediados do mes de xullo. “Non podemos consentir que se den estas situacións nas que, por unha cuestión puramente ideolóxica se ameace de morte a unha persoa, o debate político non pode derivar cara a violencia”, afirmou Rubén Arroxo á entrada do Xulgado.

Arroxo afirmou que, do mesmo xeito que en xaneiro do 2021 o asalto ao capitolio foi propiciado por unha serie de mensaxes de odio lanzadas polo expresidente dos EUA, Donald Trump, ante a perda do poder, “este tipo de ameazas son punta dun iceberg levantado sobre as mensaxes de odio lanzadas por determinados membros do PP e polo presidente da Federación Veciñal nos últimos anos”.

“O PP conta cun concelleiro que se atopa habitualmente neste tipo de situacións”, explicou Arroxo, que lembrou que hai 5 meses apareceron pintadas pola cidade utilizando termos que usaba tamén un concelleiro do PP nas súas redes sociais. Ademais, as ameazas de morte que foron denunciadas apareceron, tamén, no perfil de Facebook deste concelleiro. “O Partido Popular debería pensar que está a fomentar a violencia e o odio por unha cuestión de ideoloxía política”, explicou Arroxo.

Por outra banda, o portavoz do BNG destacou que o denunciado, aparte de militar no PP, é un habitual colaborador da Federación Veciñal, “unha organización que, desde a nosa chegada ao goberno está lanzando mensaxes de odio de xeito continuado contra nós”. Rubén Arroxo destacou que o presidente da Federación comezou a lanzar este tipo de mensaxes “cando coa nosa chegada ao goberno decidimos tratalo do mesmo xeito que ao resto de veciños, sen ningún tipo de privilexios”.

O concelleiro nacionalista afirmou que “tanto o Partido Popular como a Federación Veciñal deben plantexar o que están a facer”, dado que a súa actuación está a propiciar “unha situación social complicada”.

“En política todas as ideas son debatibles, pero non pode haber persoas nin organizacións que, por non ser capaces de dar o debate, acaben lanzando mensaxes de odio que xeren situacións violentas”, sentenciou Arroxo.

0.15795493125916