Rubén Arroxo, desde Bruxelas: "En Lugo recuperamos para as persoas espazos tomados polos coches"

LugoXa
O tenente alcalde de Lugo interveu no Parlamento Europeo sobre o papel das administracións locais para garantir fogares dignos e accesibles
Rubén-Arroxo-en-Bruxelas
1 Oct 2025

O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, viaxou até Bruxelas para tomar parte nas xornadas sobre vivenda celebradas no Parlamento Europeo baixo o título Repensando a vivenda xuntas, todo o mundo merece un lugar ao que chamar fogar.

O encontro, que se desenvolve os días 1 e 2 de outubro nas instalacións da Eurocámara, céntrase nas políticas que deben poñerse en marcha para frear a escalada dos prezos da vivenda.

Arroxo integrouse na mesa de debate titulada O rol das autoridades locais e rexionais como principais actores e garantes dunha Vivenda Asequible, Sostible e Digna na UE, moderada pola plataforma europea de cidades Eurocities.

Neste espazo compartiu análise con Elena Azcárraga, antiga directora xeral de Vivenda e Rexeneración Urbana da Generalitat Valenciana; Renaud Payre, vicepresidente da área metropolitana de Lyon con competencias en vivenda e desenvolvemento urbano; Tomislav Tomašević, alcalde de Zagreb; e Marieke van Doorninck, antiga concelleira do Partido Verde en Ámsterdam e actual integrante do Comité Executivo dos Verdes Europeos.

Durante o debate abordouse a situación do acceso á vivenda en diferentes cidades europeas e analizáronse as alternativas impulsadas polas institucións locais para combater a especulación inmobiliaria, a escaseza de vivenda pública e o impacto dos alugueiros turísticos.

Arroxo destacou a relevancia de “converter as cidades en lugares nos que paga a pena vivir, con espazos públicos humanizados e con servizos que respondan ás necesidades da veciñanza”. Nesa liña, puxo como exemplo o traballo realizado en Lugo nos últimos anos, “convertendo a cidade dos cinco minutos en realidade”. Arroxo lembrou que “recuperamos para as persoas espazos que antes estaban tomados polos coches e conseguimos unha mellor convivencia entre peóns e vehículos”, ao tempo que resaltou a posta en marcha dun transporte público cada vez máis utilizado e de iniciativas como os vieiros escolares, que fomentan a conciliación familiar e a adquisición de hábitos saudables desde a infancia.

O responsable municipal asegurou que “Lugo está máis vivo ca nunca, vémolo no incremento de poboación, no récord de visitantes, no dinamismo cultural e no crecemento económico”, indicadores que, ao seu xuízo, evidencian unha transformación en marcha. “Falamos de transformar e non de construír porque Lugo é unha cidade feita, con moita historia”, concluíu Rubén Arroxo.

⚙ Configurar cookies
0.082589864730835