Rubén Arroxo destaca a mellora do espazo público para os peóns no seu balance do mandato
O tenente alcalde, Rubén Arroxo, fixo balance das actuacións executadas polas áreas da Tenencia de Alcaldía do goberno municipal no debate sobre o estado do concello. Arroxo comezou a súa intervención parabenizando á veciñanza da Fonsagrada polo sorteo da Lotaría de Nadal, e explicou que “no último debate do estado do concello é preciso facer un balance de todo o mandato, dado que nestes anos puxemos en marcha un proxecto para mellorar Lugo”. Arroxo afirmou que “neste tempo Lugo pasou por grandes cambios, levando adiante proxectos importantes para o Concello e para a veciñanza”.
Arroxo afirmou que “non se pode falar deste mandato sen mencionar os cambios no espazo público”, e engadiu “a pandemia que atravesamos durante estes anos fixo que moitas persoas se desprazasen das grandes cidades ao rural, decatándose de que as cidades non estaban pensadas para as persoas, e que o espazo público estaba deseñado para os coches e non para os peóns”. O tenente alcalde destacou “o avance de Lugo” neste período, con 15 novas rúas peonís tanto no centro da cidade como nos distintos barrios, 18.000 metros cadrados de novos espazos peonís en zonas como a Milagrosa, o Sagrado Corazón, Recatelo, Acea de Olga ou a Piringalla. “Temos que seguir, porque non hai día no que non haxa algunha persoa que solicite máis espazo público no seu barrio”, afirmou Rubén Arroxo, que puxo como exemplo a mudanza dun carril que era prescindible para convertelo nun espazo para as persoas, con árbores e bancos, fixo que as persoas maiores con mobilidade reducida, que antes tiñan moi complicado saír da casa puideran ter un pequeno lugar de reunión onde poder xuntarse.
“Por estas cousas, xa paga a pena, esta mellora fai que todas as críticas que verte a oposición en contra das peonalizacións perdan todo o valor”, afirmou o Tenente Alcalde.
A Tenencia de Alcaldía traballou tamén no calmado do tráfico, “para cumplir, desde o minuto 1, o compromiso de mellorar a seguridade no espazo público”, afirmou Arroxo. A área de Mobilidade iniciou, ao comezo do mandato, un plan de tráfico nas contornas escolares, o que provocou un efecto chamada en todos os centros de ensino de Lugo, que reclamaron intervencións nos seus entornos. “Ao comezo, membros do PP opoñíanse a este modelo, dicindo que creaban atascos, ata que viron a aceptación da veciñanza de Lugo, que comezou a reclamar o calmado de tráfico en todas as rúas para poder camiñar con maior seguridade”, explicou Arroxo, que engadiu “hoxe ninguén cuestiona estas intervencións, incluso conseguiuse que grupos de nenos e nenas poidan volver a ir ao colexio camiñando sos a través dos vieiros escolares seguros, algo que parecía imposible”.
“Seguiremos avanzando para que non haxa nin un só punto da cidade no que ser un peón sexa motivo de inseguridade, cun paso máis de cara ao ano 2023, reforzando o alumeado nos pasos de peóns”, anunciou Arroxo.
“Temos a muralla máis antiga do mundo que se conserva na súa totalidade, é un monumento que, polo seu contexto histórico, é moito máis importante que a torre Eiffel ou a Estatua da Liberdade”, afirmou Arroxo, que criticou “a falta de autoestima que demostrou a oposición neste mandato, criticando que a peonalización da Mosqueira era mala porque ía xerar atascos, ou que retirar o tráfico que pasaba a 20 cm da Muralla era malo, porque un só carril ía xerar atascos”. O Tenente Alcalde afirmou que “sería inconcebible ver 15.000 coches diarios rozando as pirámides de Guiza, mais en Lugo facíano coa muralla máis antiga do mundo que se conserva completa”.
“Imos seguir protexendo a Muralla, retirando vehículos do seu redor, porque a Muralla no futuro será peonil”, afirmou Rubén Arroxo, que destacou “hoxe a Muralla xa rexistra 4.000 vehículos diarios menos, e seguiremos traballando para reducir o tráfico”.
Arroxo explicou que “para poñer en valor a Muralla é preciso que a Xunta faga o traballo pendente”. Para o tenente alcalde é inaceptable que os orzamentos da Xunta leven unha vez máis “partidas irrisorias” para a rehabilitación do barrio da Tinería. Un barrio no que desde a chegada do PP ao goberno galego só se rehabilitou unha casa cada 4 anos. “Un PP que no 2009 renunciou ao proxecto de recuperación do Pazo de Dona Urraca, un proxecto que xa estaba adxudicado e polo que houbo que gastar cartos públicos en indemnizar á empresa para que non se executase a rehabilitación”.
“Ante isto, o modelo que executamos desde a Tenencia de Alcaldía é o de converter a Muralla de Lugo nun dos mellores monumentos do planeta, para nós e para a maioría das veciñas e veciños de Lugo xa o é, e seguiremos traballando neste camiño”, afirmou Arroxo.
“Seguimos a apostar pola cultura local, apoiando o traballo das e dos artistas de Lugo e recoñecendo a súa calidade, malia que a oposición diga que son grupos de escaso nivel”, afirmou Rubén Arroxo, que engadiu “seguiremos a encher as rúas e prazas de actividade cultural, porque a cultura ten que estar na rúa, ao alcance da veciñanza, tal como fixemos e seguiremos facendo”.
Rubén Arroxo destacou o traballo realizado durante este ano de cara a dinamizar a Praza de Abastos e o Mercado Municipal. “Hoxe podemos ver estes espazos cheos de vida, ocupados por novas xeracións de vendedoras e vendedores que continúan a achegar productos de calidade a estas dúas instalacións históricas que contan cun emprazamento totalmente renovado”, afirmou o Tenente Alcalde
Arroxo rematou a intervención destacando que Lugo “seguiremos traballando para avanzar no cambio desta cidade, construíndo un Lugo para que a veciñanza de Lugo poida desfrutar del”, e marcou como obxectivo para 2023 “continuar o traballo para que Lugo sexa unha cidade máis marabillosa do que xa é, tanto para vivir como para visitar”.