Paula Alvarellos e Rubén Arroxo presentan as actuacións que se acometerán cos Orzamentos de 2025

LugoXa
Arroxo sostivo que os orzamentos para o 2025 son "ilusionantes e cos que poderemos levar adiante proxectos que fagan avanzar a cidade"
Orzamentos-Lugo-Rubén-Arroxo-e-Paula-Alvarellos
21 Jan 2025

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, e o tenente de alcalde, Rubén Arroxo, presentaron o anteproxecto de Orzamentos municipais para 2025. Segundo destacou Alvarellos, este documento permitirá mellorar os servizos públicos e consolidar a dinamización económica de Lugo, fomentando o emprego, o crecemento demográfico e o posicionamento da cidade como referente social, económico e cultural da provincia.

A alcaldesa explicou que a situación económica actual, unida aos ingresos previstos doutras administracións, permitiu deseñar unhas contas centradas no reequilibrio financeiro, clave tras anos de esforzo económico para mitigar o impacto das crises recentes. “Unha administración saneada é unha administración eficaz”, subliñou.

O anteproxecto establece cinco prioridades fundamentais: combater as desigualdades, revitalizar os barrios, promover a actividade económica, potenciar o patrimonio natural e investir en educación, cultura, deporte e innovación.

Con 121,1 millóns de euros, este orzamento é un dos máis elevados na historia do Concello. Alvarellos subliñou o seu carácter equilibrado, baseado en previsións realistas e responsables. Máis da metade dos fondos (52,29%) destinaranse a servizos e protección social, mentres que o 7,51% corresponderá a investimentos reais. Ademais, 2,9 millóns serán dedicados ao Fondo de Capital Lugo Transforma para apoiar o asentamento empresarial.

O Concello contempla unha operación de crédito de 8,86 millóns de euros, un 35% menos que en 2024, destacando a solvencia financeira da administración local.

PRINCIPAIS INVESTIMENTOS

O orzamento incrementa un 5,1% as transferencias correntes, destinando 6,2 millóns de euros a colectivos e entidades locais. Exemplos deste apoio inclúen axudas á Protectora de Animais, melloras na igrexa do Carme e proxectos de cooperación social.

O total destinado a investimentos ascende a 9,1 millóns de euros, con 2,9 millóns adicionais para o Fondo de Capital Lugo Transforma. As partidas inclúen:

  • Rexeneración urbana: 3 millóns de euros para proxectos como o acceso pola Fervedoira (100.000 euros), melloras en polígonos industriais (500.000 euros ) e a rexeneración da zona norte (200.000 euros).
  • Rede de abastecemento e saneamento: 1 millón de euros, con proxectos destacados en Esperante e Fermín Rivera.
  • Desenvolvemento rural: Preto de 1 millón de euros para accesos agrícolas, arranxos de pistas, traídas de auga e mellora de escolas rurais.
  • Infraestruturas deportivas: 500.000 euros para proxectos como un novo pavillón, melloras na zona deportiva de San Fiz e creación dunha pista de pádel en Frigsa.

Ademais, 500.000 euros destinaranse ao benestar animal, incluíndo o proxecto dunha nova protectora de animais.

ACTUACIÓNS DA TENENCIA DE ALCALDÍA

O tenente alcalde, Rubén Arroxo, sostivo que os orzamentos para o 2025 son "ilusionantes e cos que poderemos levar adiante proxectos que fagan avanzar a cidade".

Entre os proxectos máis destacados, Arroxo mencionou a transformación do carril das Flores, na entrada do Camiño Primitivo, que contará con 1.150.000 euros, "o punto de maior feísmo de Lugo que se transformará nun espazo acorde á unión de dous Patrimonios da Humanidade". O obxectivo é "converter o maior feísmo de Lugo nun espazo de orgullo", explicou o tenente de alcalde, que destacou a importancia desta intervención para mellorar a imaxe da cidade e a súa conexión co Camiño de Santiago.

Arroxo destacou que o 2025 comeza "co reto de programar actividade en catro grandes edificios culturais", e anunciou 837.800 euros para programación cultural nos catro edificios culturais da cidade e na rúa, e un total de 907.800 euros para as festas de San Froilán, que continuarán sendo un dos grandes eventos de Lugo.

Outro dos proxectos máis esperados é a mellora da seguridade peonil na rúa Cambria, especialmente na zona da entrada do colexio Rosalía de Castro. A proposta contempla a semipeonalización do entorno, co fin de facer a zona máis segura para os peóns, especialmente para as nenas e nenos que se desprazan á escola.

Ademais, entre os investimentos previstos destaca a restauración por danos da Ponte Romana, así como un investimento de 1.200.000 euros en repavimentacións de calzadas e beirarrúas, e na implantación de medidas para calmar o tráfico en varias zonas da cidade.

Rubén Arroxo anunciou a renovación do cruce entre Afonso X coa rolda de Fingoi "creando unha nova rotonda que permita mellorar a fluidez do tráfico"; e un orzamento de 145.000 euros para a Praza de Abastos, que permitirá crear unha pasarela accesible e mellorar os postos existentes, coa finalidade de mellorar a accesibilidade e a experiencia dos usuarios.

Outro dos proxectos destacados é un proxecto piloto de transporte a demanda en zonas rurais, cun orzamento de 20.000 euros, que permitirá mellorar a conectividade no medio rural.

En definitiva, Rubén Arroxo asegurou que, con todos estes proxectos e outros que se completarán ao longo do ano, o Concello de Lugo "segue avanzando para mellorar a calidade de vida dos seus veciños e veciñas".

CRÍTICAS DO PARTIDO POPULAR

O Partido Popular de Lugo expresou o seu malestar cos orzamentos do Concello para o ano 2025, presentados este martes pola alcaldesa. Os populares recriminaron a falta de información facilitada á principal forza de oposición e aos representantes dos traballadores, o que contrasta coa imaxe de lealdade institucional que a alcaldesa sol ser proxectar.

Desde o PP, alertaron sobre a drástica diminución da inversión no orzamento, que experimenta unha caída do 46,26%, pasando dos 14,1 millóns de euros no exercicio anterior aos 8 millóns de euros previstos para 2025.

Ademais, os populares subliñan que a presentación dos orzamentos puxo de manifesto que Lugo conta cun goberno dividido en dous modelos de municipio opostos. Este desacordo tradúcese nun aumento significativo do gasto corrente, que os propios responsables do goberno local cifraron en 108 millóns de euros.

A información filtrada nos medios tamén puxo de manifesto a falta de coordinación entre os proxectos do bipartito. Segundo o PP, os proxectos non só non se complementan, senón que revelan unha clara falta de entendemento entre os socios de goberno, máis aló de chegar a acordos para que a alcaldesa se ausente durante dúas horas, momento no que o tenente de alcaldesa do BNG asinou facturas con reparos nas súas áreas.

Para os populares, estes orzamentos impoñen un dobre esforzo á cidadanía. Por unha banda, aos lucenses actuais, cunha suba de impostos destinada a financiar “malgastos” en proxectos que consideran non aportan valor á cidade, como os plans de coliving e as caldas. Por outra banda, ás futuras xeracións, xa que PSOE e BNG decidiron recorrer a un crédito para solucionar a súa “falta de xestión”, o que implicaría hipotecar o futuro económico de Lugo.

0.17088603973389