Rubén Arroxo e Antonio López avaliaron a colaboración entre a Tenencia de Alcaldía e a Universidade

Rubén Arroxo, tenente alcalde do Concello de Lugo; e Antonio López, reitor da USC, avaliaron a colaboración entre a Tenencia de Alcaldía e a Universidade, na que Arroxo destacou a importancia do Campus Terra na transferencia de I+D+i a diversos sectores "un aspecto clave na economía lucense", e afirmou que "o Campus Terra é un referente na modernización do sector primario a través da ciencia e da innovación".
Arroxo destacou "a implicación da Tenencia de Alcaldía coa actividade cultural da Universidade", e destacou o proxecto Lugo Cultural "que nos permite organizar actividades de maneira coordinada entre a USC e as áreas de Cultura do Concello e da Deputación, favorecendo tamén o achegamento da comunidade universitaria á cultura".
Tamén destacou o Lugo Cultural como un ciclo "que permite ofrecer ofrecer actividades culturais diversas a toda a veciñanza e á comunidade universitaria, garantindo o acceso a unha programación de calidade de xeito gratuíto" e valorou positivamente "o achegamento entre a cidade e o campus coa reforma das liñas de bus urbano".
Ademais, subliñou a mellora de conexións do campus con ata 8 liñas comunicando a USC e o resto da cidade e puxo en valor os descontos para a comunidade universitaria, que "permiten un importante aforro no bus urbano", ao pasar o billete de 0.64 a 0.45, con transbordo gratuíto.
Arroxo afirmou que "seguiremos colaborando coas actividades que nos propoña a USC para achegar a ciencia ás rúas", e neste sentido destacou o encontro G-Night, un encontro europeo de divulgación científica que nos dous últimos anos se realizou no Mercado Municipal Quiroga Ballesteros e que contou con obradoiros, demostracións e relatorios de carácter divulgativo "que demostran que a ciencia pode estar ao alcance de calquera".