Rubén Arroxo felicitou aos veciños de Coeses por manter "unha loita exemplar e constante"

Rubén Arroxo, tenente alcalde e portavoz do BNG, valorou de forma positiva a decisión da Xunta de rexeitar a autorización ambiental integrada para a planta de biometano que se quería instalar no monte veciñal de Coeses.
Aínda así, Arroxo expresou a súa prudencia, xa que o proceso aínda non está completado. "O proxecto tiña carencias, pero a maior delas foi que a Xunta de Galicia, baixo o control do PP, declarase este proxecto como iniciativa empresarial prioritaria", declarou.
Arroxo felicitou á veciñanza por manter "unha loita exemplar e constante ao longo do tempo contra a posible construción da planta". Sinalou que "o BNG sempre estivo ao lado da veciñanza, tanto a nivel institucional como apoiando as mobilizacións que organizou" e valorou positivamente o traballo realizado polo grupo parlamentario e polo Goberno municipal de Lugo.
Rubén Arroxo e Montserrat Valcarcel contactaron cos representantes da plataforma para ofrecerlles o seu apoio, tal e como fixeron dende o inicio. Ambos coincidiron en "non considerar resolto o conflito e animaron á veciñanza a manter vivas as xustas demandas da plataforma ata que o procedemento se peche de forma definitiva".
O tenente alcalde e portavoz do BNG subliñou "o impacto que pode ter unha planta deste tipo tan cerca das vivendas e insistiu en que a Xunta de Galicia debe protexer á cidadanía e ao medio ambiente".
Criticou novamente que se declarase a planta como iniciativa empresarial prioritaria e que "o PP mostrase cínico na Cámara Galega e no Salón de Plenos do Concello de Lugo, diante da veciñanza, intentando culpar ao goberno municipal das autorizacións".