Rubén Arroxo lamenta que os orzamentos da Xunta perpetúen o abandono a Lugo

LugoXa
Rubén Arroxo, portavoz do BNG no Concello de Lugo, realizou unha valoración do proxecto de orzamentos da Xunta de Galiza de cara ao ano 2023.
Marquesinas Ruben Arroxo portada
21 Oct 2022

Rubén Arroxo,  portavoz do BNG no Concello de Lugo, realizou unha valoración do proxecto de orzamentos da Xunta de Galiza de cara ao ano 2023. Arroxo lamentou que “o proxecto de orzamentos presentado polo PP perpetúa o abandono ao que a Xunta leva sometendo a Lugo durante os últimos 13 anos”, e engadiu “proxectos importantes para a cidade contan con partidas orzamentarias baixas ou inexistentes, demostrando que Lugo seguirá un ano máis sen ver avances na recuperación do barrio da Tinería ou sen ver completado o Plan Paradai”.

O Aeródromo de Rozas recibirá en total 20.216.872€ a través da Axencia Galega de Innovación. O portavoz do BNG puxo como exemplo que “a metade do investimento que a Xunta adica para o Aeródromo de Rozas permitiría rematar a recuperación do Barrio da Tinería, unha débeda da Xunta de Galiza con Lugo desde o ano 2009, cando coa chegada do PP ao goberno se paralizaron proxectos cuxa elaboración xa estaba licitada”, en referencia á recuperación do Pazo de Dona Urraca ou a escavación da UI-7, onde se atopan os fornos.

O proxecto comezado no bipartito polo BNG, cuxo investimento ascendeu a máis de 30 millóns de euros, gañou o Premio Dubai de Boas Prácticas da ONU. Rubén Arroxo lamentou "o mal estado no que se atopa esta zona da cidade, despois do impulso feito pola Consellería de Vivenda para rehabilitalo", e comparouno "co traballo que desde o BNG estamos a facer no goberno do Concello de Lugo para mellorar e potenciar a imaxe da Muralla".

O orzamento da Xunta de Galiza para o ano 2023 conta cunha partida de 500.000 euros para o plan Paradai, "unha partida que se repite anualmente nos orzamentos e que nunca se executa”, afirmou o portavoz do BNG, que engadiu “trátase dun investimento insuficiente para rematar os traballos pendentes no enlace da rúa Serra de Meira, As Gandaras e os aparcadoiros da Praza Conde de Fontao, obras moi necesarias para Lugo mais que para o PP non son prioritarias".

Cuestións como o investimento en abastecemento e saneamento no rural tampouco forman parte dos investimentos da Xunta de cara ao 2023 para o concello de Lugo. Arroxo afirmou que “Lugo queda de lado mentres que outros concellos de Galiza si reciben partidas orzamentarias para isto”.

0.15322399139404