Rubén Arroxo presenta a transformación urbana de Lugo na Placemaking Week Europe 2022 de Pontevedra

LugoXa
Rubén Arroxo participará na palestra A recuperación do espazo urbano en Lugo. Novas formas de recuperar a cidade
Mobilidade Pontevedra (4) portada
28 sep 2022

O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, participará hoxe na Placemaking Week Europe 2022, que se está a celebrar estes días en Pontevedra. Trátase da maior xuntanza a nivel europeo sobre urbanismo e planificación de mobilidade. “Lugo participa neste congreso de mobilidade para mostrar como estamos a facer fronte aos retos de mobilidade do presente e do futuro”, afirmou Rubén Arroxo, que engadiu “todas as cidades están a avanzar de cara a unha mobilidade sostible, poñendo ás persoas no centro e apostando polo transporte público e os medios de transporte alternativos”.

O Tenente Alcalde estará presente na palestra A recuperación do espazo urbano en Lugo. Novas formas de recuperar a cidade, que terá lugar hoxe mércores, 28 de setembro a partir das 16.30 na avenida de Santa María de Pontevedra. Xunto con Rubén Arroxo estará o xefe de servizo de Enxeñaría do Concello de Lugo, Pablo Fuentes, e a palestra estará moderada polo concelleiro de Mobilidade de Pontevedra, Demetrio Gómez.

Lugo acude á Placemaking Week Europe 2022 para presentar o proxecto de cidade posto en marcha pola área de Mobilidade nos últimos anos, cunha exposición ao aire libre que mostra os principais cambios realizados no presente mandato pola área de Mobilidade, con actuacións como a peonalización da Mosqueira ou de Recatelo, ou o plan de calmado de tráfico e os vieiros escolares seguros.

A primeira edición da Placemaking Week Europe foi en 2017, en Amsterdam, e realizouse tamén en Estocolmo e Valencia. Este ano chega por primeira vez a Galiza, organizada polo Concello de Pontevedra, e reunirá a máis de 400 expertos e expertas en mobilidade para compartir experiencias e maneiras de traballar entre as distintas cidades participantes.

Mobilidade Pontevedra (4)
0.22456407546997