Rubén Arroxo propón a recuperación do Castro da Piringalla
O candidato do BNG á Alcaldía de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que co BNG á fronte do Concello de Lugo“traballaremos para recuperar o Castro da Piringalla”, un punto que definiu como “unha nova oferta turística para a cidade, que nos permitirá aumentar o noso coñecemento sobre a historia de Lugo e converternos nun importante referente do estudo arqueolóxico”
O Castro da Piringalla data da Idade do Ferro e é anterior, polo tanto, á época romana, polo que tén un importante valor arqueolóxico”, declarou Rubén Arroxo. O castro foi descuberto, no ano 2007, no transcurso dunhas obras municipais de substitución das canalizacións de auga que conducen aos depósitos municipais ubicados xusto enfronte do castro.
O asentamento castrexo ocupa unha importante superficie adicada a terras de labranza e a súa configuración é circular, protexido por un dobre foso defensivo. O feito de que a superficie do castro non se atope urbanizada, senón que se mantiveran como terreos agrícolas, fai pensar que o seu estado de conservación sexa bo. “Lugo sería deste xeito unha das poucas cidades que tería dentro do seu tecido urbano un castro e isto suporía un importante atractivo dende o punto de vista cultural e turístico” afirmou o candidato do BNG.
Arroxo visitou esta zona xunto co arqueólogo Iván Álvarez Merayo, e anunciou que o BNG desde a alcaldía de Lugo liderará a coordinación entre administracións para realizar a escavación do castro, a posta en valor ao aire libre dos restos atopados e a construción dun centro de interpretación que complete o conxunto museístico. Moi preto deste lugar tamén se atopan os restos achados do acueduto usado na época romana para traer a auga ata a cidade. “Deste xeito completaríase un interesante circuíto pola cidade que comezaría na época castrexa e remataría na Muralla e a romanización, podendo amosar aos visitantes unha visión máis global e completa do mundo romano e da historia da cidade”, declarou Rubén Arroxo.