Rubén Arroxo reclama que a Xunta acenda todo o alumeado da Muralla de Lugo

LugoXa
O portavoz do BNG denuncia que 106 luminarias permanecen apagadas a unha semana do 25 aniversario da declaración como Patrimonio da Humanidade
luminarias-Muralla-Romana-Lugo
19 Nov 2025

Rubén Arroxo, portavoz do BNG e tenente alcalde do Concello de Lugo, reclamou á Xunta de Galicia que restableza o funcionamento completo do alumeado da Muralla da cidade.

Arroxo explicou que, a pouco máis dunha semana de conmemorar o 25 aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade, 106 luminarias do adarve continúan apagadas, a pesar de que moitas persoas utilizan este espazo durante a noite.

O portavoz do BNG subliñou que "Lugo está a traballar en poñer en valor o monumento máis importante da cidade, mentres que a Xunta de Galicia, como responsable do seu mantemento, deixa de lado o coidado do alumeado da Muralla". Arroxo destacou que "o bo estado do noso monumento faise máis relevante nestas datas, cando estamos a piques de celebrar un momento histórico".

Arroxo esixiu á Xunta que cumpra co seu deber e "poña en valor a Muralla, que representa non só un ben histórico senón tamén un importante recurso turístico e cultural, ao ser a única muralla romana que se conserva completa".

O portavoz do BNG denunciou que "este é un novo exemplo da discriminación da Xunta cara a Lugo" e engadiu que "a falta de mantemento da Muralla súmase ao esquecemento anual nos orzamentos e á escasa colaboración da Xunta con outro dos eventos máis relevantes da cidade, as festas do San Froilán".

⚙ Configurar cookies
0.080168962478638