Rubén Arroxo, tenente de alcalde de Lugo: “A planta de Coeses é un exemplo do que non debe suceder"

A deputada do BNG no Parlamento de Galicia, Montserrat Valcárcel, xunto ao tenente alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, e outros membros do BNG, reprobaron o voto en contra do PP, a abstención do PSOE e a ausencia de Democracia Orensana na votación dunha proposta nacionalista que buscaba establecer unha normativa clara e garantista sobre as plantas de biometano, como a proxectada no lugar de Coeses.
Rubén Arroxo denunciou que esta votación é unha "proba evidente da incoherencia política do PSOE e do PP, que din unha cousa en Lugo e fan a contraria en Santiago". Lembrou que o pleno do Concello de Lugo aprobou por maioría unha moción o 29 de maio, coa participación e apoio da veciñanza de Coeses, para reclamar regulacións similares. Por iso, criticou que no Parlamento as mesmas formacións, incluso con representación municipal do PP, rexeitaran a iniciativa.
A proposta do BNG incluía medidas como unha distancia mínima de 3.000 metros entre as plantas e os núcleos habitados, restricións no tránsito de transporte pesado e un control estrito dos materiais e do dixestato. Segundo Valcárcel, estas medidas buscan protexer a saúde, o medio ambiente e a calidade de vida da veciñanza, evitando a proliferación desordenada destas instalacións industriais.
A deputada criticou duramente ao Partido Popular, ao que acusou de “desvirtuar o debate parlamentario” e de rexeitar regulacións xa aplicadas en comunidades gobernadas polo propio PP, como Castela e León, e en países europeos como Alemaña, onde se permiten plantas máis pequenas e de autoconsumo. Valcárcel subliñou que o conflito é real, especialmente para a veciñanza de Coeses, que leva máis dun ano mobilizándose contra un proxecto que consideran estratéxico sen xustificación.
Arroxo destacou que o BNG defende o estudo rigoroso dos impactos sociais e ambientais antes de instalar proxectos industriais preto dos fogares. “A planta de Coeses é un exemplo do que non debe suceder: foi promovida pola Xunta sen diálogo co territorio nin garantías para os residentes”, afirmou.
Finalmente, o tenente alcalde comprometeuse a continuar loitando desde o Concello, a Deputación e o Parlamento para impedir que esta planta siga adiante nas condicións actuais, garantindo que existen alternativas técnicas e territorios máis axeitados para estas instalacións sen pór en risco a saúde pública.