Rubén Arroxo valorou as actuacións levadas a cabo no último ano e medio en Lugo
O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, fixo balance das actuacións executadas polas áreas da Tenencia de Alcaldía do Goberno municipal no debate sobre o estado do Concello.
Arroxo comezou a súa intervención destacando que este é un ano especial "no que Lugo superou por fin a cifra simbólica dos 100.000 habitantes". Arroxo afirmou que "Lugo está máis vivo que nunca, vémolo na cifra de poboación, pero tamén no récord de visitantes, no récord de actividade cultural e no potente dinamismo económico", indicadores que, segundo o tenente alcalde, demostran que Lugo é unha cidade que "guste ou non, estase a transformar".
"Falamos de transformar e non de construír porque Lugo é unha cidade feita, con moita historia" destacou Rubén Arroxo que engadiu "aínda así, Lugo ten diversos puntos que precisan ser cosidos, como se tratase dunha prenda antiga de moito valor".
LUGO, A CIDADE DOS CINCO MINUTOS
Con respecto á área de Mobilidade, Arroxo destacou a principal vía de traballo do Goberno de Lugo: construír a cidade dos 5 minutos; unha cidade na que calquera persoa, independentemente de onde resida, teña amenos de 5 minutos unha zona de estar ao aire libre.
"Logramos avanzar moito con peonalizacións nos distintos barrios, convertendo carrís innecesarios en beirarrúas amplas e creando novos espazos verdes e zonas de convivencia". Exemplo destas actuacións son as realizadas no barrio de Recatelo, na Milagrosa coa rúa Luís Seoane, na Piringalla con Gallego Tato ou en rúas como Río Sil, Aquilino Iglesia Alvariño ou en zonas como a praza do Sagrado Corazón ou o Fingoi de Abaixo. "A isto únese o coidado de zonas periurbanas, zonas ás que dedicamos un importante esforzo, como é Castelo, Albeiros, Galegos, as Gándaras ou o barrio da Ponte", destacou.
Arroxo destacou que "ter unha cidade dos 5 minutos ten que ser un dereito, isto permite ás veciñas e veciños socializar e utilizar o espazo público", e engadiu, "unha das cousas que máis me gusta escoitar desde que teño responsabilidades de goberno é cando unha persoa maior di que, despois dunha determinada intervención, pode volver xuntarse coa xente do barrio nun espazo seguro". Isto, destacou o Tenente Alcalde, "é usar dunha forma social e xusta o espazo público".
Por outra banda, Arroxo destacou a modificación da ordenanza de Taxis, realizada durante o ano 2024 e que permitirá "crear un servizo de transporte público a demanda na zona rural en zonas onde non chega o transporte urbano nin o interurbano".
Arroxo explicou que "esta ordenanza podía estar aprobada en setembro, lamentablemente o PP presentou varias alegacións en contra do sector do taxi, como o manifestaron de forma unánime, o que provocou considerables retrasos". Arroxo afirmou que "probablemente, estas alegacións foron feitas só para entorpecer o proceso e que as veciñas e veciños que precisan este servizo tarden en recibilo".
UNHA CIDADE ONDE XOGAR DE FORMA SEGURA
Sobre o espazo público, Rubén Arroxo afirmou que "ten que ser un punto onde as nenas e nenos poidan xogar con normalidade, especialmente nas rúas", e destacou que isto era o normal ata que se converteron en espazos tomados polos vehículos pasando a altas velocidades. "Afortunadamente, todo isto está a cambiar, isto é tamén coser a cidade", destacou Arroxo, que vinculou isto co esforzo realizado por incrementar a seguridade peonil, "calmar o tráfico nos puntos de maior perigosidade".
Arroxo destacou o apoio ás medidas de calmado de tráfico por parte da comunidade educativa e da veciñanza en xeral, "unha petición unánime que o Partido Popular criticou porque producía atascos", destacou. "Hoxe seguimos avanzando no calmado do tráfico, e dámoslle a benvida ao PP por sumarse tamén e ver como agora solicitan medidas en distintos sitios", afirmou Arroxo.
Sobre o calmado do tráfico, o tenente alcalde afirmou que "aínda queda moito por avanzar" e lamentou que este ano houbese o primeiro falecemento en anos debido a un atropelo nun paso de peóns despois de moitos anos reducindo as cifras de atropelos. "O noso obxectivo é chegar a acadar unha cidade libre de atropelos", afirmou Arroxo, e puxo en valor o traballo realizado desde o último pleno do estado do Concello "executando 15 novos pasos de peóns elevados, aumentando a seguridade viaria en 15 puntos da cidade".
"Hai outro punto no que coser a cidade de Lugo, poñer en valor os nosos referentes patrimoniais", continuou Arroxo, que puxo en valor a Muralla de Lugo, a muralla completa máis antiga do mundo.
"Se no pasado mandato conseguimos crear un espazo referencial como a Mosqueira e rematar a beirarrúa en todo o seu entorno, neste queda o ambicioso reto de seguir avanzando na peonalización", dixo Arroxo, que anunciou que a Tenencia de Alcaldía traballará neste mandato en realizar "o estudo para o treito máis ambicioso, a peonalización da zona norte da muralla, entre San Fernando e Bispo Odoario".
Outra das principais liñas de traballo da Tenencia de Alcaldía foi, segundo declarou Rubén Arroxo, a mellora do Camiño Primitivo onde, segundo explicou na intervención, "fixemos unha aposta moi importante, mellorando a imaxe de xeito integral, entre Castelo e Fontiñas".
Agora, Rubén Arroxo anunciou que "continuamos cun proxecto ilusionante, eliminar o maior punto de feísmo de Lugo, o Carril das Flores". Arroxo anunciou un proxecto que implicará a demolición da pasarela para construír "unha infraestrutura acorde co lugar, un cambio total para a rúa que lle dea a estética que merece á entrada do Camiño Primitivo no trazado urbano da cidade".
A MELLORA DOS SERVIZOS
No tocante á Área de Participación e Servizos á Veciñanza, Arroxo destacou a promoción da Praza de Abastos e do Mercado Municipal, "mellorando as instalacións, realizando campañas a prol do comercio de proximidade e cubrindo o maior número de postos posible". Arroxo afirmou que "seguiremos a enchela de actividades, levando visitas escolares e ensinando ás novas xeracións o valor do comercio tradicional".
Rubén Arroxo fixo fincapé no grande reto da programación cultural de Lugo. "Lugo é a día de hoxe probablemente o concello de 100.000 habitantes con máis actividade cultural", afirmou, facendo balance tanto da programación dos edificios municipais que contan con programación continuada ao longo do ano, o Vello Cárcere, o MIHL e o auditorio Gustavo Freire, "e o que comeza a partir de agora, como o novo auditorio Fuxan os Ventos".
Ademais, Arroxo destacou a programación das salas privadas ou as dependentes de outras administracións, e espazos históricos como o Círculo das Artes. "Todo este conxunto fai que en Lugo, nun día normal, haxa máis dunha ducia de actividades culturais, isto é unha riqueza valiosísima que como goberno non podemos deixar perder, temos que impulsala e seguir a facer de Lugo un referente cultural", afirmou.
PROXECTOS DE FUTURO
Antes do remate da intervención, Rubén Arroxo falou sobre "dous furados que coser, que máis que dous furados son dous buracos negros, a Tinería e o Cuartel de San Fernando". O barrio da Tinería é un dos poucos lugares do mundo con tres patrimonios da humanidade, un barrio que contaba cun proxecto "moi ilusionante, que incluso chegou a ser premiado pola ONU".
Segundo o planificado, o barrio da Tinería debería ter rematada a súa renovación integral hai 12 anos. "Hoxe podemos ver o pazo de Dona Urraca, un pazo de mil anos, completamente comido pola vexetación", afirmou Arroxo, que engadiu "no 2009 houbo que pagar unha indemnización por paralizar este proxecto de rehabilitación".
O tenente alcalde puxo outros exemplos, como a casa torre, "un antigo hospital de peregrinos completamente en ruínas, ou a parcela chea de restos arqueolóxicos que leva 16 anos rodeada por unha chapa medio caída".
Sobre o Cuartel de San Fernando, Arroxo afirmou que "un Ben de Interese Cultural como este edificio pode permitirnos expoñer a nosa riqueza histórica, galaica e romana, que hoxe está repartida en caixas porque non hai espazo suficiente para a súa presentación". "Urxe que a Xunta amañe dunha vez estes dous furados negros da nosa cidade", rematou Arroxo.
Arroxo rematou a súa intervención afirmando que "debemos seguir a avanzar nun Lugo vivo, nun Lugo orgulloso de si e nun Lugo que camiñe cara adiante, porque por moitas trabas que se poñan, non hai marcha atrás, Lugo xa avanzou".