Rubén Arroxo visita, xunto con persoal técnico, a renovación de Lamas de Prado
O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, xunto co edil de Infraestruturas, Alexandre Penas, achegouse ata a rúa Lamas de Prado onde mantiveron unha xuntanza con persoal técnico municipal e da obra. Arroxo explicou que “os traballos continúan executándose a bo ritmo”, e engadiu “hoxe continuamos a traballar para garantir que a imaxe desta zona mellore”.
O Goberno de Lugo traballa neste proxecto tanto na renovación das beirarrúas como nas diferentes instalacións de servizos que están soterrados, eliminando barreiras arquitectónicas e aumentando a accesibilidade nunha zona da cidade que acolle a máis de 15.000 habitantes.
Habilitouse unha plataforma única na confluencia desta rúa coa praza do Castiñeiro, continuando coa aplicación dun modelo que fomenta a convivencia entre as persoas e os vehículos, calmando o tráfico e permitindo o tránsito peonil pola zona de xeito seguro.
A actuación supón un investimento de 533.933€, e inclúe tamén a renovación do mobiliario urbano de as zonas verdes da zona, xunto coa instalación dunha nova marquesiña para a parada do bus urbano.