Rubén Lois, novo responsable local do BNG en Palas de Rei, inicia unha etapa centrada en fortalecer a base social

Rubén Lois foi escollido como novo responsable local do BNG en Palas de Rei durante a asemblea local, substituíndo no cargo a Manuel Saavedra Pardellas. Esta decisión busca reforzar o proxecto nacionalista no concello e dar inicio a unha nova etapa centrada en consolidar e ampliar a base social, así como en afrontar os retos que se presentan para o municipio.
“Afronto este novo reto con ilusión e co ánimo de expandir o proxecto do BNG a nivel local”, explicou Rubén Lois, quen agradeceu a confianza depositada pola militancia e subliñou que “quedan por diante moitos desafíos nun concello gobernado por políticas inmobilistas, estancado e incapaz de resolver os problemas reais da veciñanza”.
Durante a asemblea, agradeceu expresamente a Pardellas todo o traballo realizado nos anos anteriores como responsábel local, destacando a cohesión organizativa do equipo de traballo, o compromiso nas campañas electorais e a activa participación da militancia en actos, mobilizacións e no asociacionismo local.
Nesta nova etapa, o BNG de Palas de Rei reafirma o seu compromiso coa defensa do territorio e co acompañamento á veciñanza na loita contra o proxecto de Altri, considerado unha ameaza sen precedentes para o medio ambiente, o modelo produtivo e a calidade de vida da comarca da Ulloa. O partido leva anos advertindo das consecuencias deste macroproxecto industrial e estivo dende o inicio ao lado da cidadanía, participando nas mobilizacións, informando á veciñanza e promovendo iniciativas institucionais sobre o impacto real que suporía.
Rubén Lois reiterou a súa vontade de afrontar estes retos: “Quedan por diante moitos desafíos nun concello gobernado por políticas inmobilistas, totalmente estancado e incapaz de resolver os problemas que sofren os veciños”, concluíu, marcando o rumbo desta nova etapa do BNG en Palas de Rei.