Rueda anuncia que o Centro Integral de Saúde da Residencia abrirá en outubro

LugoXa
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou hoxe que o primeiro Centro Integral de Saúde de Galicia, ubicado na cidade de Lugo, comezará a funcionar o vindeiro mes de outubro.
centro integrado saude residencia1
19 sep 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou hoxe que o primeiro Centro Integral de Saúde de Galicia, ubicado na cidade de Lugo, comezará a funcionar o vindeiro mes de outubro. O titular do Goberno galego fixo este anuncio durante unha visita a estas novas instalacións no barrio da Residencia que darán servizo ata a 240.000 usuarios de toda a cidade e arredores. “Imos rematar o ano dinamizando e dando unha segunda vida a este barrio” no que se atopaban os antigos hospitais, resaltou o titular do Goberno galego.

O obxectivo dos centros integrais de saúde é concentrar nun mesmo edificio a atención primaria ordinaria, a atención urxente (PAC) así como servizos especializados para convertelos en punto de referencia dos pacientes de diferentes barrios -no caso das cidades- ou de diferentes localidades, no caso dos CIS a nivel comarcal.

O futuro CIS de Lugo albergará a base do 061, centro de saúde e PAC -con 46 consultas-, área de saúde mental -con 22 consultas- e espazos especializados en saúde bucodental, fisioterapia, saúde da muller ou radiodiagnóstico. Ademais contará co último en tecnoloxía diagnóstica, o que permitirá habilitar unha sala de radioloxía, outra dotada cun mamógrafo e unha sala de radiodiagnóstico con telemetría para realizar radiografías completa de columna ou dos membros inferiores (desde a pelve ata o nocello).

A previsión é que o novo Centro Integral de Saúde de Lugo comece a funcionar o vindeiro mes de outubro e que antes de rematar o ano estean operativos o 100% de servizos.

O presidente, que estivo acompañado da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, e do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, salientou a “magnífica rehabilitación” que se realizou no antigo Hospital Materno para reconvertelo no novo CIS. “Isto demostra que os edificios públicos poden ser bonitos ademais de funcionais”, indicou para asegurar que no caso das infraestruturas sanitarias búscase tamén que sexan “modernos” e “acolledores” tanto para os traballadores coma para os doentes. No marco da Estratexia de Economía Circular do Sergas, o novo Centro Integral de Saúde de Lugo foi construído para ser un edificio sostible e enerxeticamente eficiente. Para iso, conta con paneis solares foltovoltaicos, madeira 100% galega tanto no interior coma no exterior ou un sistema de xestión da calefacción por biomasa.

O investimento nesta novas instalacións, que se poñerán en marcha en outubro, superou os 16 millóns de euros, cofinanciadas con fondos FEDER da UE. O CIS de Lugo supón a primeira peza da reconversión que a Xunta está levar a cabo do barrio da Residencia. O lugar onde se atopaban os antigos hospitais acollerá agora este centro sanitario así como o futuro novo centro de Emprego ou a residencia da terceira idade, impulsada pola Xunta e a Fundación Amancio Ortega. “Queremos seguir dinamizando este barrio, dándolle unha segunda vida que sexa máis potente e con máis movemento do que xa tiña antes”, indicou Rueda.

Aposta por reforzar a Atención Primaria

A Xunta aposta polo modelo de centros integrais para mellorar a asistencia aos pacientes e adaptar a Atención Primaria ás necesidades da sanidade do mañá. Por iso, ademais do CIS de Lugo, están en marcha as obras do CIS Olimpia Valencia (Vigo) e o CIS de Lalín e comarca de Deza e o Goberno galego prevé dotar tamén cun CIS ás comarcas de Bergantiños (en Carballo), do Morrazo (Cangas) e do Baixo Miño (A Guarda).

O presidente resaltou que Galicia “conta cun dos mellores sistemas de saúde do mundo”, pero que sempre é preciso “seguir progresando” e iso implica contar “cunha magnífica rede de profesionais que son a base e todo, con recursos e con edificios modernos e acolledores”.

A Xunta fai cidade en Lugo

Máis aló das melloras de infraestruturas sanitarias -está en marcha a reforma do centro de saúde da Milagrosa e a construción dun novo centro en Sagrado Corazón- a Xunta ten en marcha outros proxectos na cidade de Lugo como a construción dun aparcadoiro na avenida de Breogán -que dará servizo ao barrio da Residencia- ou a futura estación intermodal que suporá un investimento conxunto de 50 millóns de euros.

A alcaldesa non asistiu ao acto

O executivo de Lara Méndez lamenta a falta de lealdade institucional evidenciada hoxe polo Goberno autonómico, que non remitiu nin comunicación nin invitación algunha ao Concello de Lugo para asistir á visita institucional que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, realizou esta mañá ás instalacións de novo Centro Integral de Saúde na Residencia. “O sucedido esta mañá é un capítulo inaudito na historia da cidade. É a primeira vez que non se convida a alcaldesa, primeira mandataria de Lugo e, polo tanto, a súa máxima representante, a unha visita institucional do presidente da Xunta, cando si que ten presenza a portavoz do PP local, Elena Candia”, sostivo a portavoz municipal, Paula Alvarellos.

“Este acto totalmente censurable e fóra de lugar non supón unha ofensa cara ao Goberno local ou cara á figura da alcaldesa, senón que constitúe unha ofensa para todas e todos os lucenses e evidencia a marxinación á que o executivo de Rueda pretende someterlles. Mentres onte mesmo, a rexedora falaba coa xerencia do HULA para avanzar na urbanización da contorna do centro sanitario, polo que a visita de hoxe realizase no marco dunha obra onde colaboran as dúas administracións, sendo consciente da necesidade de traballar da man para que Lugo avance”, manifestou a portavoz.

“Esta mesma mañá por escrito e de forma oficial, o Concello de Lugo solicitou a Presidencia da Xunta que reflexione e restableza o respecto e lealdade cara aos veciños e veciñas de Lugo. Máis haxa de intereses partidistas, esta lealdade institucional é innegociable e debe ser o principio que debe rexer as relacións entre Administracións polo ben da cidade”, concluíu.

centro integrado saude residencia2
0.16219997406006