Rueda asegura en Lugo que o apoio da provincia é imprescindible para o PP
Alfonso Rueda achegouse este venres a Lugo no último día de campaña para realizar unha visita polo centro da cidade acompañado pola cabeza de lista pola provincia, Elena Candia, e os tamén candidatos Javier Arias e Cristina Sanz. Rueda asegurou que o empuxe da provincia é “sempre imprescindible para o PP de Galicia” e este domingo volverán “ter un gran apoio”.
Candia definiu a campaña como “moi positiva, cunha gran mobilización”, e na que “falamos das cousas que preocupan á xente e explicamos as 800 medidas do programa da Galicia de Rueda”. Fronte ás iniciativas do PP que “apuntalan a continuidade no crecemento e consolidación de dereitos na provincia”, os programas doutras forzas recollen medidas como a limitación da plantación de eucalipto, a protección do lobo, a imposición da lingua ou a falta de compromiso con proxectos como Altri.
Durante a visita ao barrio da Tinería, a socialista subliñou que “o Partido Popular é o garante para que avance na rehabilitación aproveitando instrumentos como a área Rexurbe para converter inmobles abandonados en vivendas”. Candia subliñou que “dende o ano 2009 o Goberno galego investiu en Lugo 26 millóns de euros na rehabilitación de 30 edificios e promoveu 20 locais comerciais”.
Polo tanto, “o Partido Popular é o garante para que avance a rehabilitación da Tinería aproveitando instrumentos como a área Rexurbe para converter inmobles abandonados, en estado ruinoso, en vivendas”. A este respecto, considera “unha mágoa o empeño do goberno local en poñer atrancos como o bloqueo de expedientes do nº18 e 22 da rúa Catedral, ou a paralización de proxectos como o da Casa Torre e o Pazo de Dona Urraca”.