Rueda comprométese en Lugo a duplicar o parque público de vivenda de Galicia

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, presentou en Lugo o programa electoral co que aspira a obter a súa primeira maioría absoluta a través dun total de 870 medidas baseadas nas prioridades dos galegos.
presentacion_programa_rueda_lug
27 Jan 2024

O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, presentou en Lugo o programa electoral co que aspira a obter a súa primeira maioría absoluta a través dun total de 870 medidas baseadas nas prioridades dos galegos. Trátase dunha serie de medidas pensadas para a que “a nosa comunidade siga sendo unha referencia de serenidade, apertura, sentidiño, fiabilidade, confianza, traballo e unión. “O programa da Galicia que funciona”, sintetizou.

Dese total de propostas recollidas nas 177 páxinas do documento programático dos populares galegos, o presidente quixo destacar o compromiso de que Galicia duplique o seu parque público de vivenda, pasando das 3.800 vivendas públicas actuais a 8.000 en 2028. E, nesta mesma liña, que para ese ano haxa tamén a disposición dos galegos, en réxime de alugueiro e a prezos accesibles, un total de 20.000 vivendas protexidas.

Un compromiso que quixo subliñar hoxe para exemplificar a diferenza entre aqueles que fan promesas irresponsables a pesar de saber que non se poden cumprir e aqueles que adquiren compromisos realistas e adaptados ás necesidades persoas contando cos recursos para materializalos.

“Eu preséntome ás eleccións consciente do feito ao longo deses anos e do moito que queda por facer, para mellorar, para seguir orientando as nosas políticas ao que demanda a xente que é destinataria delas e para seguir servindo ao pobo de Galicia con lealdade e sen outra dedicación que aos galegos e galegas. Para iso é o programa que presentamos”, explicou.

Balance da xestión 

Alfonso Rueda indicou que o seu programa electoral é un documento onde se recolle a Galicia que quere e que é o resultado de analizar o que se fixo nestes e o que se quere facer a partir do 18 de febreiro. De aí que incidise na importancia de obter a credibilidade e a confianza da xente a través do cumprimento da palabra dada: “O primeiro desafío dun político é ter palabra, porque quen ten palabra xera confianza. E a confianza gáñase prometendo só aquilo que sabes que podes facer”.

“Nós non temos unha folla de ruta en branco. O que temos é un balance de xestión de 15 anos con acertos e erros, pero coa confianza de que cada vez que os galegos examinaron o feito e o que nos comprometemos a facer, outorgáronos a súa confianza”, afirmou para acto seguido referirse a aqueles que “prometen calquera cousa porque nunca gobernaron” e aos que “en canto gobernaron houbo que botalos”.

Ese balance é no que Rueda quere apoiarse “para que a xente crea que o que queremos vai ser unha realidade ao igual que o foi todo aquilo do que agora mesmo podemos presumir”. E puxo como exemplo disto o incremento das exportacións de Galicia, as baixadas de impostos, o aumento do investimento na sanidade pública, a implantación da gratuidade das escolas infantís, a redución da taxa de abandono escolar, o liderado na loita contra o cambio climático ou a creación de 30.000 novos postos de traballo nestes anos.

O presidente remarcou que o seu programa é “realizable” e que nel “non hai nada que non se poda sufragar cos cartos que hai no Orzamento deste ano ou dos anos vindeiros”. De feito, considera que precisamente esa capacidade de ser realizable é o que fai “ambicioso” a este conxunto de propostas.

“Se os galegos me dan a súa confianza, eu non vou ter que chamar á porta da Moncloa para preguntar que podo facer ou que non, nin vou ter que facer renuncias e escuras negociacións ou depender dos independentistas vascos e cataláns. Porque eu só estou disposto a pactar coa xente á que lle pido a confianza a través deste programa”, engadiu.

Compromiso co avance

Un programa cuxas propostas están pensadas “para a Galicia das persoas que necesitan servizos públicos de calidade, para a Galicia que prospera e para a Galicia que avanza”. Un compromiso co avance para o que Rueda fixo un chamamento aos seus: “Temos que seguir avanzando apoiándonos no feito, con unidade, con certezas, con responsabilidade e sen prometer nada que non se poida facer”.

O presidente e candidato do PPdeG quixo tamén referirse á visita de Pedro Sánchez hai uns días a Ferrol na que prometeu unha fragata que “hai uns meses o propio Goberno central dicía que non ía facer e sen que a propia Mariña Española tivese constancia deste anunciou”. Unha actitude ao que, engadiu, os galegos xa están tristemente acostumados.

“Cando o candidato socialista presume de ser o gran conseguidor, o que realmente está a mostrar é como funcionan realmente os partidos que prometen moito e non fan nada: e seis anos de Goberno socialista en España, nada para Galicia e todo agora a tres semanas das eleccións”, explicou. Unha situación de incumprimento xeneralizado que fixo extensiva a outras cuestións de gran importancia para Galicia como as referidas á situación de empresas como Altri ou Alcoa, ou a situación de infraestruturas como a A-6.

0.16608214378357