Rueda destacou a candidatura por Lugo no xantar do rural organizado polo PP

LugoXa
O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, acompañado pola cabeza de lista pola provincia de Lugo, Elena Candia, recordou que esta é a provincia que máis apoio lle da sempre ao Partido Popular.
elena candia rueda xantar rural
21 Jan 2024

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, acompañado pola cabeza de lista pola provincia de Lugo, Elena Candia, recordou que esta é a provincia que máis apoio lle da sempre ao Partido Popular.

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, acompañado pola cabeza de lista pola provincia de Lugo, Elena Candia, recordou que esta é a provincia que máis apoio lle da sempre ao Partido Popular e amosouse convencido de que así volverá ser nas próximas eleccións autonómicas. “Temos unha magnífica candidatura e, se non perdemos o tempo en escoitar o que outros din de nós e en engurrarnos, teremos tamén un magnífico resultado porque aquí está a infantería do partido que sempre arrasa”.

Reivindicou tamén a importancia do mar e dos produtos pesqueiros como “unha das mellores cousas que ten Galicia”, lamentando que nestes días algúns se dedicaran a “xogar coas cousas de comer” e acabaran provocando a perda de confianza da xente nestes produtos: “O que é de todos hai que coidalo entre todos, e mentres uns irresponsables se dedican a mollar, os responsables seguiremos secando e defendendo, da man do sector, que Galicia sabe a mar”.

Rueda presentouse ante os 400 asistentes con “toda a humildade” para pedirlles apoio para seguir gobernando e a súa axuda “para dicirlle á xente o que fixemos e o que queremos facer”. Recordando neste sentido algunhas das moitas medidas tomadas pensando na Galicia do rural.

“Galicia non é nada sen o seu rural e por iso hai que seguir potenciando a remuda xeracional, para que a xente nova que pense que vale a pena vivir e traballar no rural poida facelo. E seguir dando os máximos servizos para que cada un elixa onde quere vivir e non teña que irse a outro sitio porque onde vive non pode telos”, explicou ao tempo que amosaba a súa aposta por unha Galicia “equilibrada e que siga cambiando con sentidiño”.

A POLÍTICA DOS FEITOS E NON DAS PROMESAS

En clave electoral, Alfonso Rueda subliñou que el non quere para Galicia o que está acontecendo a España porque “os galegos non somos así, nin o imos ser”, referíndose explicitamente a un Goberno central que, en vez de estar centrado en aprobar uns Presupostos con medidas para a xente, ten como prioridade aprobar a lei de amnistía.

“Toda esa política de barullo, toda esa contaminación e toda esa perda de tempo en cousas que á xente non lle solucionan nada e nin lles importan, é o que eu non quero que veña para Galicia”, engadiu afeando a Pedro Sánchez que volvese visitar hoxe Galicia para “prometer cousas que xa tiñan que ser feitos”.

En cambio, concluíu, el e o PPdeG entenden a política como o traballo con feitos. Amosándose convencido de que vai ser un feito que “todas as persoas en Galicia, desde que entren na gardería ata que saian da universidade, poderán desfrutar de educación absolutamente gratuíta”.

CANDIA OFRECE UNHA CAMPAÑA DE PROXIMIDADE E HONESTIDADE

Pola súa banda, a presidenta provincial fixo un chamamento á mobilización e amosou o seu convencemento de que, co esforzo de todos, Alfonso Rueda alcanzará a maioría suficiente o vindeiro 18 de febreiro ofrecendo “traballo honesto, estar onde se necesita e unha campaña con moita proximidade”.

E, en clave local, afirmou que o premio para contentar a Miguel Fernández, o número dous da lista do PSOE, tras a crise aberta pola sucesión da alcaldía de Lugo, foi liberalo da responsabilidade da zona rural. “Iso é o que aprecian as nosas parroquias” reflexionaba a popular incidindo na idea de que para o PSOE a zona rural é "un lastre".

Elena Candia tamén se referiu ao legado do BNG nos seis días que estivo na Alcaldía cunha alusión á "cultura sectaria" que pretenden impoñer os nacionalistas en relación á liña de axudas de 20.000 € para contratación das festas: “As achegas non se poden destinar ao que decidan as comisións de festas, ten que ser dunha lista pechada e unha vez que se elixe, non é automática e teñen que pasar unha entrevista coa concelleira".

“Non queremos iso na Xunta”, asegurou contrapoñendo esta forma de gobernar coa boa xestión do goberno galego e enumerando as axudas que o PP impulsou para os produtores de carne, as industrias agroalimentarias o para a incorporación da xente moza ás explotacións: "Para o PP o rural si é moi importante. Porque son os verdadeiros gardiáns da riqueza da nosa terra e é onde se produce o que comemos todos os días".

0.18957304954529