Rueda participou na reunión da xunta directiva provincial do PP
O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, reiterou ante a Xunta Directiva Provincial do PP de Lugo a necesidade de continuar ofrecendo estabilidade a Galicia e o seu compromiso de seguir traballando por mellorar o día a día dos lucenses, incidindo en que “non hai nada gañado”. Neste senso destacou a entrada en vigor esta mesma semana de novidosas medidas como a cota cero para os autónomos que inicien a súa actividade este ano 2024 ou o Bono Deporte.
Dúas cuestións que tiveron unha gran acollida por parte dos seus beneficiarios, especialmente as familias con fillos de entre 6 e 16 anos federados que teñen desde este luns á súa disposición unha axuda de 120 euros para a realización de actividades deportivas ou a adquisición de equipamento en preto dun cento de establecementos de toda a provincia de Lugo.
Pola súa banda, a presidenta provincial quixo trasladar na súa intervención o “apoio incondicional” do partido na provincia ao presidente Alfonso Rueda: “Lugo sempre traballou e desta volta non será menos”.
Elena Candia salientou tamén que o PP, e a diferenza doutras formacións, ten “unha estrutura unida que, por riba de todo, fixa o obxectivo en dalo todo para que os galegos e, en consecuencia, os lucenses teñan estabilidade e certezas”.
“O PP coloca á súa xente polo interese dos cidadáns, non polos intereses personalistas dun candidato que o único que lle preocupa son el mesmo e Pedro Sánchez”, concluía ao tempo que prometía unha campaña “auténtica” que “fale ao corazón da xente e aborde as súas preocupacións reais sen discursos baleiros”.