Rueda reivindica que Lugo está moi presente nos Orzamentos de 2024

LugoXa
Explicou que nas contas galegas contémplanse investimentos na mellora do polígono (8,1 millóns de euros), no barrio da Residencia e en infraestruturas como a intermodal (5,7 millóns) ou a Rolda Leste (5 millóns).
20 Dec 2023

Explicou que nas contas galegas contémplanse investimentos na mellora do polígono (8,1 millóns de euros), no barrio da Residencia e en infraestruturas como a intermodal (5,7 millóns) ou a Rolda Leste (5 millóns).

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, reivindica que Lugo está moi presente nos Orzamentos do ano 2024, que foron aprobados onte e que son unhas contas que reflicten unha forma de gobernar á galega: pensando na xente e nos seus problemas reais desde o sentidiño e co obxectivo de manter a illa de estabilidade na que se converteu Galicia.

Remarcando que Galicia é a primeira comunidade autónoma en aprobar os seus Orzamentos, o líder dos populares galegos explicou que neles se contemplan investimentos na mellora do polígono (8,1 M€), se continúa dando pulo ao barrio da Residencia, se aposta por infraestruturas como a intermodal (5,7 M€) ou a Rolda Leste (5 M€), así como o coidado de bens patrimoniais como a Muralla e a Catedral.

Algo que é posible, engadiu, porque o seu Goberno quere seguir mellorando a vida dos galegos con medidas como a baixada de impostos ou a conxelación dos prezos das autoestradas autonómicas o próximo ano, e facilitando as cousas ás familias con nenos ou dependentes.

“Porque nós, aos Reis Magos, non lles cargamos a responsabilidade de xestionar”, ironizou o presidente ao tempo que criticaba a condonación da débeda de 16.300 millóns de euros a Cataluña por parte de Pedro Sánchez, que suporá un pago de 400 euros por galego e coas que se poderían construír 27 autopistas como a A-54 entre Lugo e Santiago de Compostela.

Rueda censurou, neste sentido, que Sánchez estea poñendo cada día un novo ladrillo a ese muro que decidiu levantar entre el e a cidadanía. Tal e como demostrou cunha visita a Galicia na que só veu a que os seus lle aplaudiran todas as promesas pendentes que ten cos galegos e a presentarse como candidato dun cuadripartito que vota a favor da amnistía e do agravio a Galicia.

Fronte a todo isto, o presidente do PPdeG pediu aos seus compañeiros que sigan traballando para facer de Galicia o bastión da política útil, apelando ao feito de que Lugo fose a provincia na que o PP obtivo máis apoio de toda España nas pasadas eleccións xerais. Do mesmo xeito que Lugo foi a cidade na que o partido obtivo a maior porcentaxe de apoio nas eleccións municipais.

Pola súa banda, Elena Candia –da que Rueda destacou a súa incansable capacidade de traballo– quixo salientar “o enorme caudal de afecto, cariño e confianza” que Lugo sempre lle deu ao PPdeG e tamén ao seu presidente; ao que agradeceu a súa enorme aposta pola cidade, con exemplos como o Centro Integral de Saúde.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.19549894332886