Sae a concurso a área recreativa dos Robles, en Lugo

LugoXa
A Deputación de Lugo saca a concurso a explotación da área recreativa dos Robles, na capital, cunha concesión de catro anos
Pilar García Porto
15 Xul 2022

A Deputación de Lugo aprobou na Xunta de Goberno deste venres a apertura do procedemento de concorrencia pública para adxudicar por concurso a explotación da área recreativa dos Robles, na contorna do parque das Samasas, en Lugo. Así o anunciou a voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto, durante a rolda de prensa posterior á reunión semanal do Executivo.

Estas instalacións, de titularidade provincial, contan con cafetería e un salón grande, unha terraza con vistas ao río e dúas piscinas, unha delas infantil.

O prezo mensual da concesión está fixado en 550€, é dicir, 6.600€ ao ano, e será por tres anos, coa posibilidade dunha prórroga dun ano. “Faremos unha concesión demanial, o que significa que o gañador ou gañadora do concurso terá o aproveitamento privativo e temporal destes bens”, explicou García Porto.

“A semana pasada o Presidente desta institución asinou o acordo para a concesión doutros bens de titularidade provincial, como son o restaurante Mazo de Santa Comba, en Lugo, e do Club Náutico Ponte do Sil, en Monforte de Lemos”, recordou a Deputada e destacou que “con estas concesións, non pretendemos obter unha renda económica, senón promover o uso e manter activas as instalacións para que sexan aproveitadas pola cidadanía”.

0.19163799285889