Sálvora

RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
Achégate á música clásica da man de Rebeca Maseda, que narra dende preto, historia, cultura e paixón por esta arte.
rebeca maseda fotos nueva 2022
21 Aug 2023

Por Rebeca Maseda

O mar engaiólanos, exerce sobre nós un efecto feiticeiro que non podemos controlar. O seu poder de sedución é tal, que poderiamos pasar horas e horas observándoo coa mirada perdida no horizonte. É como entrar nun proceso de hipnose pracenteiro, un “deixarse levar”. A gran Rosalía de Castro escribiu un poema moi ilustrativo ao respecto:

«Co seu xordo e constante mormorío
atráime o oleaxen dese mar bravío,
cal atrái das serenas o cantar...»

Dun xeito parecido, o solpor tamén ten un “non sei que” máxico, ese breve instante no cal non podemos deixar de observar o sol desaparecendo no ceo. Hai uns días estiven polas Rías Baixas, concretamente en San Vicente do Mar (O Grove), e paseando polo sendeiro das “Pedras Negras” tiven a sorte de presenciar un solpor de película! Os turistas armados cos seus teléfonos móbiles, inmortalizaban o momento de mil maneiras posibles. Pero a dicir verdade, a imaxe ben valía as moreas de “selfies”: o mar en calma, os brazos de rocha negra acariciando a Ría, o sol despedíndose entre cores alaranxadas e a illa de Sálvora presidindo tan fermosa cerimonia ao fondo.

Nese punto exacto no que o Atlántico dubida de se é parte xa da Ría de Arousa, emerxe o arquipélago de Sálvora, o secreto mellor gardado da costa galega. O lugar no que durante décadas se refuxiaban os que xa non sabían volver á casa -pescadores, hippies, contrabandistas, viaxeiros que daban a volta ao mundo-, e que hoxe forma parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Apenas tres quilómetros mar dentro, Sálvora é un reino doutro mundo. Só as botellas baleiras e os balóns picados que chegan no verán ata as súas rochas, lémbrannos que, antes de caer o sol, teremos que volver ao resto da nosa vida. Para seguir bailando. Pero aínda queda tempo; é hora de perderse entre as historias do mar de Sálvora.

Esta sucesión de illas e farallóns é un paraíso natural incomparable; basta desembarcar na praia do Castelo -un areal branquísimo, un “Caribe frío” gobernado pola estatua da Serea Mariña- para darnos conta de que estamos ante un lugar máxico. Aquí todo é salvaxe. Os cabalos e cervos, introducidos na illa principal polo marqués de Revilla para gozar das súas cacerías, pastan sen reparar na presenza humana. Quizais porque en Sálvora xa case non hai ninguén... Dende a marcha dos últimos fareiros, narrada en primeira persoa por Julio Vilches, só dúas parellas de vixiantes e gardas forestais residen na illa a quendas.

Máis alá da súa beleza natural, o que converte a Sálvora nun lugar especial son as historias e lendas que a habitan. Foi agocho dos Winston de Batea, sala de concertos para as ondas dos pescadores e tamén, refuxio de navegantes desprevidos aos que o Atlántico obriga a renderse, aínda que sexa só por unhas horas. Aqueles coñecidos no lugar como “náufragos secos”.

O que marcou para sempre a historia de Sálvora son as catástrofes marítimas. Concretamente a do Santa Isabel, o vapor-correo que se afundiu en 1921 xunto ás rochas que rodean a illa con máis de 200 persoas a bordo e que a prensa da época bautizou como o “Titanic galego”.

O buque -cuxa pasaxe de emigrantes que buscaban unha vida mellor en América, procedentes na súa maioría de Bilbao, Santander e A Coruña- bateu contra un dos farallóns traizoeiros preto da illa e foi afundirse xunto ás dúas rochas xemelgas coñecidas como “Pegar” e “A filla de Pegar”.

Aquela noite na aldea só estaban unhas 25 persoas, case todas mulleres e nenos. Os homes acudiran a Aguiño e Carreira, a terra firme, a celebrar o Aninovo, polo que foron as mulleres do pobo as que tomaron as dornas -embarcacións tradicionais da zona- e lograron rescatar a máis de medio centenar de sobreviventes. Hoxe, catro hórreos bautizados cos nomes das catro heroínas que lideraron o rescate, honran a súa memoria.

Sálvora, fogar de mulleres bravas e sereas cantareiras, fica libre e máxica ata o fin dos tempos.

Foto Artigo agosto'23

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.16499900817871