San Fiz acolle a terceira proba do Circuíto Larsa Corre con Nós cunha homenaxe á muller

LugoXa
A cita, organizada pola Concellería de Xuventude e Deportes, reunirá a preto de mil atletas, consolidando o seu carácter integrador e o seu compromiso coa igualdade
Circuíto-Corre-con-Nós-Corre-con-Elas-San-Fiz
13 Mar 2025

O barrio de San Fiz será o escenario este domingo, 16 de marzo, da terceira proba do XXIII Circuíto Larsa Corre con Nós, unha cita que se celebra baixo o lema 'Corre con Elas', no marco das actividades promovidas polo Concello de Lugo con motivo do 8M, Día Internacional da Muller.

A cita, organizada pola Concellería de Xuventude e Deportes, reunirá a preto de mil atletas, consolidando o seu carácter integrador e o seu compromiso coa igualdade de oportunidades no deporte.

O concelleiro Jorge Bustos destacou que esta proba “representa o compromiso de Lugo cunha igualdade real e efectiva, dando visibilidade á participación feminina no deporte e poñendo en valor o esforzo das mulleres atletas”. Ademais, subliñou que “a resposta da cidadanía reflicte o bo momento que vive o atletismo popular na cidade”, e engadiu que “eventos coma este demostran que o deporte non só é unha ferramenta para o benestar físico, senón tamén un motor de cohesión social e igualdade”.

A carreira desenvolverase nun novo percorrido urbano que rodea a sede da Policía Local na rúa Rof Codina, e o programa da xornada establece os seguintes horarios:

  • 12:00 horas: MINI (300 metros)
  • 12:05 horas: SUB 10 e SUB 12 (1.300 metros)
  • 12:15 horas: SUB 14 e SUB 16 (2.400 metros)
  • 12:30 horas: Adultos (4.800 metros).

Durante o evento estableceranse cortes de tráfico entre as 11:30 e as 13:30 horas nas seguintes rúas: Rúa Rof Codina (desde a intersección con Travesía Virxe da Esperanza), Rúa Virxe da Esperanza (desde a intersección con Rúa Montirón ata Travesía Virxe da Esperanza), Travesía Virxe da Esperanza (completa), e Rúa Montirón (desde a intersección con Virxe da Esperanza ata Rof Codina).

Para garantir a seguridade da proba, a organización contará coa colaboración de Protección Civil, Policía Local e Cruz Vermella. Ao remate das carreiras, as e os participantes recibirán o avituallamento oficial do circuíto, ofrecido por Larsa e Coca-Cola, e terán acceso a servizos como duchas nas Pistas Municipais Gregorio Pérez Rivera.

⚙ Configurar cookies
0.12556290626526