San Fiz de Paz, Viladonga e Riomol avanzan na concentración parcelaria tras o aval do comité técnico

LugoXa | TerraChaXa
O organismo da Xunta dá luz verde á continuidade dos procesos e avalía favorablemente os plans de ordenación das tres zonas
Comite-reestruturacion-parcelaria-Xunta
6 Nov 2025

O Comité Técnico Asesor de Reestruturación Parcelaria da provincia de Lugo deu hoxe o seu visto bo aos procesos que se desenvolven nas parroquias de San Fiz de Paz, no concello de Outeiro de Rei, así como en Viladonga, en Castro de Rei, e en Riomol, pertencente a Castroverde.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, presidiu a reunión na que se avaliaron de maneira favorable os Plans de ordenación de predios de especial interese agrario, o que permitirá continuar coa tramitación.

Arias subliñou que con este paso a Administración autonómica completa un trámite esencial previo á aprobación das bases de reestruturación parcelaria en cada unha das zonas. No comité participan representantes de diferentes departamentos da Xunta, así como da Administración do Estado, das entidades locais e das organizacións profesionais agrarias, entre outros organismos.

A reestruturación parcelaria de San Fiz de Paz abranguerá máis de 1.120 hectáreas, mentres que a área de Viladonga incluirá 577 hectáreas e a de Riomol sumará 523. O delegado territorial destacou que reorganizar a propiedade, actualmente fragmentada en centos de pequenas parcelas, permitirá un uso máis eficiente tanto a nivel agrícola como forestal.

Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa estes procesos ao tempo que reforza a aposta polo Banco de Terras, dúas ferramentas que, segundo subliñou, teñen como obxectivo ampliar a superficie das explotacións agrarias para favorecer o seu crecemento e incrementar a súa capacidade competitiva.

⚙ Configurar cookies
0.072370052337646