San Paio de Narla abre a mostra sobre a vida das mulleres no inicio do século XX

LugoXa | TerraChaXa
'Soterradas: vidas e historias. As mulleres: Walter Ebeling' recrea algunhas das fotografías realizadas polo lingüista alemán na provincia
exposicion-mulleres-san-paio-de-narla
7 Mar 2025

A deputada de Cultura Iria Castro e a xerente da Rede Museística Provincial inauguraron esta tarde a mostra Soterradas: vidas e historias. As mulleres: Walter Ebeling, que recrea algunhas das fotografías realizadas polo lingüista alemán na provincia de Lugo entre 1928 e 1933.

Do amplo arquivo do investigador, a mostra céntrase na reconstrución de escenas protagonizadas por mulleres, poñendo en relevo o seu traballo no campo e nas tarefas domésticas.

A recreación presta especial atención á vestimenta, empregando prendas orixinais de distintos puntos da xeografía lucense recollidas ou recreadas pola asociación Sete Espadelas, que reflicten a evolución da vestimenta tradicional coa incorporación dos primeiros tecidos industriais ou as diferenzas no vestir segundo as clases sociais.

No acto de inauguración, cunha visita guiada por José Luis Rodríguez e David Quiñones, de Sete Espadelas, a deputada de Cultura Iria Castro valorou “a continuidade do traballo da Rede Museística por visibilizar e contar a nosa historia poñendo o foco nas vidas das mulleres”.

A mostra complétase con intervencións no Museo Provincial de Lugo e no Pazo de Tor, que tamén contan con escenas recreadas con vestimenta tradicional. Pódense ver ata o 30 de maio.

⚙ Configurar cookies
0.12841415405273