San Paio de Narla acolle o domingo unha pasarela de traxes tradicionais realizados a partir de obras de Castelao

LugoXa | TerraChaXa
A participación require inscrición previa; haberá servizo de autobús gratuíto desde Lugo
exposicion-mulleres-san-paio-de-narla
14 May 2025

A Fortaleza de San Paio de Narla, en Friol, acollerá o domingo -18 de maio- unha mostra de traxes tradicionais inspirada nos debuxos e gravados de Castelao, da man da Asociación Etnográfica Sete Espadelas.

O museo provincial convida participar nesta actividade -Aldeáns: Pasarela de traxes tradicionais - que se enmarca na programación polo Día Internacional dos Museos e conecta tamén coa celebración do Ano Castelao.

No desfile, lucirán máis de 30 traxes tradicionais galegos, reproducidos con moito coidado a partir das obras de Castelao: pinturas, gravados e debuxos que nos devolven a mirada dun tempo e dunha xente que aínda latexa.

A actividade desenvolverase en dous pases, ás 18:00 e ás 19:00 horas. Cada pase ten unha capacidade limitada a 25 persoas, polo que hai que anotarse previamente no correo: concertacionsrmp@gmail.com. Haberá servizo de autobús gratuíto desde Lugo, con saída ás 17:00 h desde a Cruz Vermella (Avda. Madrid) e regreso ás 20:00 h.

Día Internacional dos Museos

A proposta encádrase na programación organizada pola Rede Museística Provincial de Lugo polo Día Internacional dos Museos, con máis dunha ducia de actividades ao longo da semana nos catro museos provinciais - Museo Provincial de Lugo, Museo do Mar de San Cibrao, Pazo de Tor e Fortaleza de San Paio de Narla –, boa parte delas enfocadas na mocidade, como o certame Mocidade en acción: A noite é nosa, que convoca a compartir a través de Instagram creacións inspiradas nos museos provinciais e que está en marcha desde o luns. As persoas participantes entran no sorteo dunha fin de semana na Ribeira Sacra.

Outras actividades por celebrar:

  • Teatro no Pazo de Tor polo Día das Letras Galegas
    17 de maio – 19h
    Representación do grupo de teatro do CEIP A Gándara.
  • Obradoiro Robótica e arte moza. Enrique Peñalver
    18 de maio – 10:00 a 13:00
    Museo Provincial de Lugo
  • Entrega do Premio Cousas do Retorno. Ser Migrante
    18 de maio – 12:30
    Museo Provincial de Lugo
  • Inauguración da exposición Adiante
    16 de maio – 12:00
    Museo Provincial de Lugo
  • Encontro con Alba Díaz Geada: Mudar en común: Galiza 1959-1982
    16 de maio – 17:30 horas
    Museo Provincial do Mar
  • Obradoiros sobre cultura e historia, en colaboración con Caetra Lucensium
    17 e 18 de maio – 11:00 a 14:00
    Museo Provincial de Lugo
⚙ Configurar cookies
0.089832067489624