San Paio de Narla acolle unha fin de semana de xogos de mesa e de rol

O Museo Fortaleza San Paio de Narla converterase esta fin de semana nun auténtico epicentro do lecer alternativo grazas ás xornadas organizadas por A Mesa de Breogán coa colaboración da Deputación Provincial de Lugo. A iniciativa reunirá afeccionados aos xogos de mesa, wargames e rol nun espazo único que acollerá actividades pensadas tanto para público adulto como para a mocidade.
O sábado 10 celebrarase unha completa xornada lúdica en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00. Haberá unha ampla selección de xogos de mesa adaptados a diferentes idades, partidas de rol programadas para mañá e tarde, e tamén exhibicións e partidas de wargames da man de Bandua Wargames, que ademais amosarán como se prepara un exército para o combate.
O domingo 11 culminará o encontro cun gran rol en vivo que se desenvolverá pola mañá, de 10:30 a 13:30, baixo o título Concilio e Crime.
Para garantir a participación nas partidas de rol, especialmente aquelas con prazas limitadas, habilitáronse formularios de inscrición previa. As propostas inclúen títulos como As mozas de Barbazul (+18 anos), A chamada extinta (+14 anos) e Lobisome, a revolta (+16 anos), cada un con dous pases repartidos entre a mañá e a tarde do sábado.
A inscrición para os xogos de mesa e os wargames realizarase de forma presencial por orde de chegada, mais desde a organización aseguran que hai espazo de sobra para todos os participantes.