San Román de Cervantes acolle o 10 de maio a V Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña

LugoXa
Está organizada pola Asociación Territorio Verde co apoio do Concello e da Deputación de Lugo, que achega 6.000 euros para a súa realización
Feira-en-Defensa-do-Gandeiro-da-Montaña-Cervantes
6 May 2025

A quinta edición da Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña celebrarase este sábado, 10 de maio, en San Román de Cervantes, organizada pola Asociación Territorio Verde co apoio do Concello e da Deputación de Lugo, que achega 6.000 euros para a súa realización.

O Deputado Pablo Rivera subliñou o compromiso da institución provincial co rural: “Desde a Deputación de Lugo sentimos un fondo orgullo por apoiar esta feira, cunha vontade política clara: acompañar aos concellos da montaña na construción dun futuro con raíces profundas. Porque defender o gandeiro da montaña é tamén defender a economía local, a xestión sostible do territorio, a cultura e o patrimonio natural”.

Rivera lembrou que a Deputación colabora con esta cita dende que foi recuperada no ano 2019 tras máis de tres décadas sen celebrarse, e animou á cidadanía a achegarse a San Román: “Será unha xornada chea de concursos, música tradicional, boa gastronomía e, por riba de todo, orgullo de ser e de estar na montaña”.

A feira reunirá arredor de 200 animais, vacas, cabalos, ovellas e cabras, procedentes de explotacións da montaña lucense e de Asturias, cun claro obxectivo de poñer en valor a actividade agrogandeira da zona e recuperar o espírito das antigas feiras tradicionais ao aire libre.

O programa da V Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña comezará ás 08:00 horas coa recepción do gando e a recollida de credenciais, seguida ás 10:00 horas pola votación do xurado segundo as distintas categorías. A música tradicional chegará ás 11:00 horas da man dos grupos Os Xardois e Os Gaioleiros, mentres que ás 12:00 horas celebrarase a poxa de xovencas da Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (ACRUGA). Ás 13:30 horas terá lugar a entrega de premios aos mellores exemplares e, xa pola tarde, ás 16:30 horas, a feira continuará coa actuación de Tania e o seu acordeón. Ás 19:00 horas realizarase o sorteo de 500 puntos e, finalmente, ás 20:30 horas, pecharase a feira. Durante toda a xornada haberá inchables para a cativada, sorteos e espazos de gastronomía.

A xornada incluirá tamén inchables para os máis pequenos, sorteos e unha ampla oferta gastronómica, converténdose nunha auténtica festa do rural e da identidade da montaña.

⚙ Configurar cookies
0.080525875091553