Sandra María Piñeiro Vilas, nomeada presidenta da Audiencia Provincial de Lugo

LugoXa
A maxistrada márcase como obxectivos conseguir “unha Xustiza máis transparente, máis comprensible e máis atenta”, así como potenciar o uso do galego
Audiencia Xulgados
3 Jun 2025

O pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) nomeou hoxe á maxistrada Sandra María Piñeiro Vilas presidenta da Audiencia Provincial de Lugo. A actual titular do Xulgado de Instrución número 2 de Lugo asume a súa nova responsabilidade “con profundo sentido do deber e de compromiso institucional”. Entre os seus obxectivos destaca o conseguir “unha Xustiza máis transparente, máis comprensible e máis atenta”, así como o potenciar “o emprego da nosa lingua para garantir os dereitos da cidadanía”.

Piñeiro Vilas asegura que o seu “perfil feminista” implica “unha defensa activa da igualdade e dos dereitos humanos”, á vez que sinala que confía en que o seu nomeamento “sirva de inspiración para outras mulleres que aspiran a espazos de liderado”. Ademais, indica que a súa “visión progresista” comporta “traballar por unha Xustiza máis igualitaria, con conciencia social, pero sempre dentro do marco do Dereito e da independencia que o cargo esixe”. Para iso, a recentemente designada presidenta da Audiencia Provincial de Lugo comprométese a “traballar con honestidade, criterio técnico e compromiso en favor dunha Xustiza moderna e ao servizo da cidadanía”.

Traxectoria profesional

Ingresou na carreira xudicial en 2005, sendo o seu primeiro destino o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Marín (Pontevedra). En 2012, ascendeu á categoría de maxistrada, ocupando o seu destino no Xulgado de Instrución número 2 de Lugo, onde exerce na actualidade. Durante uns anos formou parte, en comisión de servizos, da sección primeira da Audiencia Provincial de Lugo. Ademais, é xuíza titora, participa activamente no programa Educar en Xustiza e impartiu relatorios e conta con publicacións de diversas temáticas relacionadas co ámbito xurídico.

Piñeiro Vilas tamén é diplomada en Criminoloxía polo Instituto de Criminoloxía de Santiago de Compostela (promoción 1995-1998) e exerce, desde 2009, como profesora titora, con venia docendi, no Centro Asociado UNED Lugo.

⚙ Configurar cookies
0.13946413993835