Sandra Piñeiro e Luis Villares, nomeados Embaixadores de #LugoNaturalMente

O proxecto ambiental e de sustentabilidade #LugoNaturalMente, impulsado pola UNED de Lugo, anunciou a incorporación de dúas novas persoas como Embaixadores do Proxecto: Sandra Piñeiro Vilas e Luis Villares Naveira. O nomeamento chegou como unha sorpresa para ambos maxistrados, que aseguraron asumir esta distinción con responsabilidade e honra.
Para a UNED de Lugo, é un motivo de orgullo estar representada por Sandra Piñeiro, maxistrada, presidenta da Audiencia Provincial de Lugo e docente na UNED, e por Luis Villares, maxistrado da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Ambos destacan polo seu compromiso cos valores da paz, a xustiza, a educación e a igualdade, principios que están intimamente ligados á filosofía de #LugoNaturalMente e que buscan promover na sociedade galega.
A súa incorporación reflicte o interese do proxecto por sumar voces de referencia que impulsen prácticas responsables e un compromiso activo coa sustentabilidade e a cidadanía.