Sandra Piñeiro toma posesión como presidenta da Audiencia Provincial de Lugo

Sandra María Piñeiro Vilas asumiu a Presidencia da Audiencia Provincial de Lugo nun acto celebrado na sede xudicial da cidade, que contou coa presenza de representantes do ámbito político, institucional e xudicial da provincia.
O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, participou na cerimonia e puxo en valor “o compromiso coa igualdade e coa xustiza dunha figura fundamental para a cidade”, sinalando que a chegada de Piñeiro representa “un paso adiante para reforzar a integridade, a transparencia e a visión feminista no sistema xudicial lucense”.
Tamén estivo presente o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, quen felicitou á maxistrada pola súa designación e subliñou “a relevancia do traballo que realizará á fronte dunha institución esencial para o funcionamento da xustiza e a garantía dos dereitos da veciñanza da provincia”.
Por parte da Xunta de Galicia, asistiron o director xeral de Xustiza, José Tronchoni, e o delegado territorial en Lugo, Javier Arias, quen expresaron o seu apoio á nova presidenta e destacaron a importancia do órgano que agora lidera “para o sistema xudicial e a protección dos dereitos da cidadanía lucense”.