Santa María Alta e Meilán incorporan dúas marquesiñas novas
As parroquias de Santa María Alta e Meilán contan dende hoxe con dúas marquesiñas novas que ven de incorporar a concellería de Medio Rural. O tenente de alcaldesa e edil responsable, Miguel Fernández, explicou que “desde o Concello priorizamos a colocación naquelas zonas onde hai maior demanda, froito da presenza de menores que as usan para esperar polo transporte escolar”.
Fernández explicou que estes traballos enmárcanse no compromiso do Concello co rural co obxectivo tamén de “fomentar a mobilidade sostible e o uso do transporte público colectivo, especialmente en zonas rurais, onde cobra maior interese".
A concellería investiu 10.300 euros nesta actuación. As novas marquesiñas teñen unha dimensión de 3 metros de longo x 1,50 de fondo e unha altura que oscila entre os 2,30 e os 2,50 metros. Todos os elementos metálicos son pregalvanizados e están protexidos fronte á corrosión.
O edil explicou que “dende a concellería traballamos para dar resposta ás necesidades da veciñanza” e anunciou que, na medida do posible, “seguiremos instalando máis marquesiñas nas zonas do rural, así como arranxando as deterioradas”.