Santalices, nomeado cabaleiro da Orde Serenísima da Alquitara na Festa da Augardente de Portomarín

LugoXa
O presidente do Parlamento destaca a celebración, unha das máis antigas de Galicia, como un exemplo de honra ás tradicións
santalices-cabaleiro-da-alquitara-portomarin
21 Apr 2025

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, foi nomeado cabaleiro da Orde Serenísima da Alquitara na celebración da 53ª edición da Festa do Augardente de Portomarín, unha das celebracións máis antigas de Galicia.

O xefe do Lexislativo foi o encargado de pronunciar o pregón no que agradeceu a devandita distinción e destacou esta celebración como “un exemplo de honra ás máis vellas tradicións”.

Por outra banda, na súa intervención, Santalices, referiuse a Portomarín como unha etapa “imprescidible nas lembranzas dos peregrinos” do Camiño de Santiago que remata na praza do Obradoiro, e gabou a súa historia, arquitectura, paisaxe e gastronomía como principais atractivos turísticos para os visitantes.

A cita, que este ano levou por lema Camiños de Auga e Soños, desenvolveu un amplo programa de actividades para todos os públicos ao longo da xornada, nun ambiente festivo amenizado pola charanga Louband.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, asistiu á 53ª edición da Festa da Augardente e destacou que se trata dunha cita idónea para celebrar estas bebidas “tan vencelladas á nosa tradición e cultura”.

Gómez lembrou que o Goberno autonómico impulsa selos de calidade específicos para as bebidas espirituosas galegas, que engloba as indicacións xeográficas de Augardente, Augardente de Herbas, Licor de Herbas e Licor Café. Sinalou que baixo estes distintivos congréganse 134 produtores, 13 destiladores e 21 elaboradores e envasadores. No ano 2024 producíronse máis de 298.000 litros cualificados, cun valor económico estimado de 3,67 millóns.

A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este domingo tamén nos actos da Festa da Augardente de Portomarín.

García Porto salientou o apoio da institución provincial a este evento, co que colabora a través do Plan Deputación de Cooperación cos Concellos 2025 cunha achega de 6.000 euros.

⚙ Configurar cookies
0.14999794960022