Santiago Posteguillo ofrecerá unha conferencia polo 25 aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade

LugoXa
A Xunta e Cohors III Lucensium impulsan un encontro literario e divulgativo que incluirá a presentación do novo libro do escritor valenciano
presentacion-libro-Santiago-Posteguillo-Lugo
29 Nov 2025

A Xunta de Galicia, en colaboración coa asociación de recreación histórica Cohors III Lucensium, organiza en Lugo unha conferencia do escritor Santiago Posteguillo dentro das actividades promovidas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para conmemorar o 25 aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade.

O delegado territorial, Javier Arias, acompañado de representantes do colectivo, animou hoxe aos lucenses a asistir ao encontro, que se celebrará no salón de actos da Delegación Territorial o martes 2 de decembro a partir das 20,00 horas, con entrada libre e gratuíta ata completar a capacidade, recomendándose acudir con tempo ante a previsión dunha elevada asistencia.

O relatorio, titulado O corazón romano de Galicia: o pálpito dunha historia que non termina, afondará na chegada dos romanos a Hispania e, de maneira especial, ao noroeste peninsular, cunha análise da pegada histórica, cultural e social que deixou o proceso de romanización en todo este territorio. Posteguillo aproveitará ademais a ocasión para presentar o seu libro Os tres mundos, do que asinará exemplares ao remate do acto a todas as persoas asistentes que o desexen.

O escritor valenciano, recoñecido especialista na antiga Roma e responsable dunha ampla obra literaria ambientada neste período histórico, conta cunha destacada traxectoria que inclúe numerosos premios, entre eles o Planeta do 2018 pola novela Yo, Julia, o Premio Internacional de Novela Histórica de Barcelona do 2014 e o das Letras da Comunidade Valenciana do 2010.

⚙ Configurar cookies
0.076659917831421