Santo Domingo convértese no epicentro das reivindicacións polo 25N en Lugo

A praza de Santo Domingo acolleu o acto institucional do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, unha convocatoria promovida pola área de Muller e Igualdade do Concello de Lugo que congregou a numerosos veciños e veciñas dispostos a amosar o seu compromiso contra a violencia machista, malia a intensa choiva que comezou pouco antes de finalizar a lectura do manifesto.
A concelleira Ángeles Novo foi a encargada de introducir o acto e de dar paso á lectura do texto reivindicativo, que correu a cargo dunha antiga usuaria da Casa da Muller. Antes disto, Novo insistiu en que “hoxe é unha xornada para reafirmar a responsabilidade colectiva de garantir vidas libres de medo, agresións e desigualdades”. A edil destacou tamén a importancia de recordar ás mulleres asasinadas e de acompañar a aquelas que continúan sufrindo violencia, subliñando que esta lacra “non é un problema individual, senón unha vulneración dos dereitos humanos que implica a todas as institucións e a toda a cidadanía”, motivo polo cal apelou a unir “voces, vontades e esforzos”.
Antes de pechar a súa intervención, Novo lembrou que “cada avance, cada recurso e cada medida de protección só teñen sentido se chegamos a tempo, se escoitamos, cremos e actuamos”, un compromiso que, afirmou, debe manterse presente os 365 días do ano.
A continuación iniciouse a lectura do manifesto. A súa relatora destacou que a defensa da igualdade, liberdade, seguridade, integridade e dignidade “debe ser unha prioridade para toda a sociedade”, e asumiu o compromiso de continuar combatendo a violencia exercida contra as mulleres “polo simple feito de selo” e contra os seus fillos e fillas. No acto recordouse ás 39 mulleres asasinadas este ano polas súas parellas ou exparellas e aos tres menores vítimas da violencia de xénero, así como ás 65 pequenas vítimas desde 2003. Ademais, apuntouse que o último informe do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial alerta dun aumento do 5 % nas denuncias en Galicia respecto ao ano anterior.
A autora do manifesto subliñou que, malia vivir nunha sociedade legalmente igualitaria e cun marco normativo avanzado tanto en España como en Galicia, “as cifras de mortes e agresións seguen a ser desoladoras”, polo que é fundamental reforzar a atención ás vítimas, eliminar actitudes e condutas que reproducen desigualdades e combater as raíces sociais da violencia de xénero.
Cara ao final da lectura, fíxose un chamamento á “condena firme de cada acto violento, de cada agresor e tamén de quen nega ou minimiza esta realidade”. O negacionismo, advertiu, “fere a memoria das vítimas, desprotexe ás que sofren e debilita o compromiso social imprescindible para combatela”. Concluíu pedindo que “as mulleres alcen a súa voz con toda convicción: hai saída, e non están soas. Nin hoxe, nin nunca”.
O acto rematou cunha ofrenda floral e coa iniciativa Trebón Morado, impulsada pola Asociación Mulleres Empresarias, que participou co reparto de abanos morados. Pola súa banda, a concellería de Ángeles Novo distribuíu paraugas e botellas de cristal en cor violeta entre as persoas asistentes.