Sarria e Lugo suspenden a manifestación do domingo contra a invasión eólica

LugoXa | SarriaXa
A concentración descentralizada facíase coincidir co Día Mundial da Enerxía Limpa
Imaxe recurso de eólicos
25 Jan 2025

A Coordinadora Eólica Así Non! anunciou a suspensión da convocatoria da mobilización descentralizada deste domingo, día 26 de xaneiro, coincidindo co Día Mundial da Enerxía Limpa, para denunciar o modelo de espolio enerxético que promove a Xunta de Galicia.

Na provincia de Lugo estaban previstas dúas manifestacións, unha en Sarria, no cruce de Catro Camiños coa rúa Liberdade, ás 12.00 horas, e, na cidade de Lugo, á mesma hora, diante do concello. Ao final foron suspendidas polas previsións meteorolóxicas.

Un modelo que Eólica Así Non! afirma que non ten en conta os intereses da poboación, que ten como principal obxectivo beneficiar o capital e que tampouco ofrece garantías de preservación medioambiental, tal e como están a demostrar todas as paralizacións cautelares que resolve o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

A Coordinadora denuncia, ademais, as últimas reformas legais da Xunta de Galiza, que teñen como obxectivo dificultar que a poboación se poida defender diante destes proxectos agresivos e depredadores do territorio, destinando recursos públicos para exercer “violencia institucional” contra as comunidades veciñais afectadas. Comunidades que sofren un continuo acoso administrativo a través da sobresaturación de proxectos, da desregulamentación e da xeración de inseguridade xurídica, difamando e criminalizando a protesta social.

Eólica Así Non! aposta por unha nova planificación eólica real, que ordene a explotación desta enerxía no territorio, con obxectivos sociais e ambientais, que faga partícipe ao pobo galego e non se desenvolva en función dos intereses das grandes multinacionais enerxéticas.

0.16046595573425