Secretariado Xitano presenta en Lugo a súa aula Edyta
A entidade Secretariado Xitano está a desenvolver na súa sede de Lugo a aula Edyta. Un proxecto pedagóxico de carácter estatal para promover a empregabilidade de mulleres en risco de exclusión. Promovida pola Fundación Orange, a aula Edyta traballa en torno á educación e á transformación dixital que está a afectar ao mercado laboral.
No caso de Secretariado Xitano, doce mulleres forman parte do programa dende o pasado mes de marzo co que completarán a súa formación o vindeiro mes de xuño. Contan con que a tecnoloxía lles permita mellorar a súa calidade de vida.
Precisamente ao acto de presentación desta aula Edyta achegáronse hoxe membros do Goberno local e autonómico. Así, a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella puxo en valor esta iniciativa. “Favorecerá a inclusión social e a incorporación profesional das mulleres a través do desenvolvemento das súas capacidades dixitais”, gabou López Abella.
Este programa está dirixido tanto a entidades do Terceiro Sector como a diferentes administracións que traballan con colectivos femininos en situación de vulnerabilidade.