Segue a urbanización da ampliación do Parque Industrial das Gándaras

LugoXa
Avanzan na urbanización da ampliación do Parque Industrial das Gándaras na que se investiron 2,6 millóns de euros.
ampliacion poligono as gandaras
17 Nov 2021

Avanzan na urbanización da ampliación do Parque Industrial das Gándaras na que se investiron 2,6 millóns de euros. A superficie resultante, de 97.654 m², fragmentarase en varios predios e suporá tamén a creación de diferentes zonas verdes, prazas e viarios.

A actuación implicou a segregación en dous predios, da denominada Unidade Funcional S - situada na rúa Juan Jacobo Durán Loriga (vial D) e Rafael Cadórniga Carro (Vial C) - cunha superficie total de 1.259.862 m², que dará como resultado unha parcela matriz de 1.162.208 m² outra denominada Unidade Funcional S, de 97.654 m². Esta última dividirase, á súa vez, noutras parcelas de diferentes tamañose tamén en espazo dedicado a zonas verdes, prazas e viarios

O Goberno autonómico explicou que se cederán ao Concello de Lugo os viais, unha praza pública de máis de  6.000 metros cadrados e unha zona de aparcadoiro de 20.000 metros cadrados para dispoñer máis de 380 prazas de aparcadoiro, que ascenden a 530 si se teñen en conta as prazas dispoñibles nos viarios. A Xunta prevé recibir as obras de ampliación neste mes, co que estaría en disposición de ceder estas novas dotacións ao Concello antes de fin de ano.

Dende o ente autonómico destacaron que estes traballos sumaron 97.691 m2 de solo industrial nas Gándaras, dos que 45.290 corresponden a 12 parcelas, das que 9 teñen unha superficie de 1.000 m2 cada unha e as outras tres dispoñen de 25.000, 8.990 e 2.300 m2, respectivamente. A expansión posibilita a implantación de novas empresas, como Bricomart, que xa está a construír as súas instalacións nunha destas novas parcelas.

“O polígono das Gándaras segue medrando", afirmaron, "dado que están en proceso de adxudicación as obras da terceira fase de explanación, urbanización e electrificación, licitadas en outubro cun orzamento de 1,65 millóns de euros”. 

Esta terceira fase ocupará unha superficie total de 55.768 m2, dos que 35.434 serán de uso industrial e comercial, repartidos en 27 parcelas con superficies que oscilarán entre 945 e 5.200 m2.  A meirande parte das parcelas resultantes terán entre 945 e 1.200 m2, que son as máis demandadas nas Gándaras, e so dúas superarán esa superficie: unha de 2.700 e outra de 5.200 m2. 

0.19255805015564