Segue aberto o prazo de inscrición para a Xornada de Divulgación Científica centrada no Courel
O Museo de Lugo recorda que segue aberto o prazo de inscrición na Xornada de Divulgación Científica do Patrimonio Arqueolóxico lucense, que se celebrará este venres no Salón de Actos do Pazo de San Marcos e que terá como tema central o territorio e a arqueoloxía no Courel.
A xornada, coordinada pola directora do Museo de Lugo Aurelia Balseiro e polo arqueólogo Iván Álvarez Merayo baixo o título “O Courel dos tesos cumes”, inclúe relatorios sobre os modelos de ocupación deste parte do territorio ao longo da historia e sobre os restos materiais conservados no Museo de Lugo, así como unha mesa redonda sobre a necesidade de transferencia e divulgación do coñecemento para a posta en valor do patrimonio arqueolóxico courelán.
Como novidade con respecto a outras edicións, realizarase unha visita ao castro da Torre (Sobredo, Folgoso do Courel), guiada por Iván Álvarez Merayo, para coñecer de primeira man o traballo de campo no ámbito da arqueoloxía.
Nesta nova edición daranse a coñecer multitude de datos de interese dunha das comarcas con máis riqueza cultural, natural e etnográfica de Galicia. Os cumes do Courel foron declarados hai pouco máis de dous anos como Xeoparque Mundial pola UNESCO, o primeiro do norte do estado.
As inscricións poden realizarse ata este xoves. O formulario para anotarse está dispoñible na web da Rede Museística Provincial de Lugo.