Seguen os traballos de extinción do incendio do Ceao, con empresas pechadas por altos niveis de CO2
Mantense o peche perimetral da zona máis afectada polo incendio que este domingo calcinaba tres naves no polígono industrial do Ceao, onde os efectivos de bombeiros realizaron ao longo da mañá medicións dos niveis de monóxido de carbono.
Estes controis das emisións de CO2 revelan, segundo confirmou a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, que a calidade do aire en varias empresas do parque empresarial que non se viron "directamente afectadas" polo lume, non é apta para que os seus empregados poidan voltar ao traballo, e terán que agardar uns días "ata que os niveis de contaminación se normalicen e poidan retomar o seu traballo nunhas condicións sanitarias boas e aceptables".
A rexedora explicou tamén que o xefe do servizo de Arquitectura Municipal inspeccionou esta mañá as naves afectadas polo incendio, co fin de avaliar o estado das estruturas que se manteñen en pé e garantir a seguridade, en previsión de posibles derrubamentos.
Lara Méndez trasladoulle aos empresarios os pasos que dará o Concello e comprometeuse a "axilizar en todo o posible" os trámites para que poidan retomar a actividade nos seus negocios á maior brevidade posible.
SEGUEN OS TRABALLOS DE EXTINCIÓN
A Xunta desactivou na medianoite deste luns o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia ao darse por controlado o incendio industrial. O lume está controlado, pero non totalmente extinguido, polo que os servizos de emerxencia seguen a traballar no lugar.
Durante esta xornada, un dispositivo especial de tráfico regula ademais a entrada e saída de vehículos ao polígono industrial para garantir a normalidade na circulación.