Seguen os traballos de substitución do fibrocemento en Fingoi
Continúan as obras de substitución do fibrocemento que se están a executar na rúa Armórica, situada no barrio de Fingoi. Para estes traballos que tamén contemplan a reposición do pavimento da beirarrúa, destinouse un total de 186.512 euros.
Esta intervención, que se enmarca no plan para renovar as canalizacións da auga nas rúas con maior número de avarías, ten como finalidade a substitución das tubaxes actuais por outras de fundición nun total de 40 acometidas desta vía, no tramo comprendido entre a rúa Marina Española e a Rolda de Fingoi. As labores, que xa se atopan avanzadas, iniciáronse o pasado día 5 de xullo e contan cun prazo máximo de execución de seis meses.
Deste xeito, as obras contemplan a renovación da rede de abastecemento substituíndo as tubaxes de fibrocemento existentes por tubaxes de fundición dúctil de diámetros 125, 175 e 200 mm, cos correspondentes elementos complementarios da rede, como válvulas, bocas de rega e incendios e todas as acometidas domiciliarias. Todo iso previa retirada das tubaxes de fibrocemento existentes. Proxéctase así mesmo a demolición e reposición de pavimentos ao longo da gabia e en todo o ancho da beirarrúa naqueles puntos onde se atopa deteriorada.
Plan de 1,2 millóns para a substitución do fibrocemento
Co obxectivo de erradicar a presenza deste material, acordouse destinar un investimento superior a 1’2 millóns de euros a través do cal a área de Medio Ambiente está a substituír estas tubaxes por outras de fundición en 14 rúas da cidade. A través deste plan actuarase, en total, sobre 250 acometidas e se substituirán 4.080 metros de tubaxes, concentrando, fundamentalmente, os esforzos nas contornas de Fingoi, Marina Española e a Cheda.
En concreto as vías afectadas son as rúas Bataneira e Figueira, Aviación Española, Armórica, Escultor Asorei, Rei don García, a marxe dereita da avenida Marqués de Ombreiro e boa parte do barrio da Cheda, que inclúe as rúas Río Landro, Eume, Pousadela, Masma, Sar, Pambre e Azúmara. Os traballos inclúen, ademais da substitución das canalizacións, a renovación completa das beirarrúas, que suman 6.550 metros de pavimento, actuando, de forma integral, sobre estas vías.