O Concello avanza na modificación da Unidade de Actuación CS–5
O Concello de Lugo segue a dar pasos para avanzar na modificación da Unidade de Actuación CS – 5 co obxectivo de converter en zona verde as costas do Parque.
Logo de aprobar en Xunta de Goberno a edificabilidade cero da parcela que ocupa o Garañón, como solución máis acaída para este ámbito (xa que é tamén a que, en base ao análise realizado, conleva a menor incidencia económica e o menor impacto visual posible), a empresa adxudicataria da asistencia técnica que elaborou o estudo de alternativas da URPI 58 (PXOM) entrou xa na Fase I dos traballos, consistentes na recompilación da documentación que logo será remitida á Consellería de Medio Ambiente para a súa avaliación ambiental estratéxica.
As áreas de Urbanismo, Arquitectura e Enxeñería atenderon neste tempo as peticións da adxudicataria facilitándolle a información requirida, como informes técnicos que integraban o expediente, cos que se dá soporte á determinación do Executivo local de cambiar o PXOM, tal e como indicou o TSXG, pero camiñando, cara o obxectivo de que o cinto verde que constitúen o parque de Rosalía de Castro e o Miño teña continuidade neste punto da capital dunha forma harmonizada coa contorna.
A asistencia técnica abrangue un total de 6 fases de traballo que comprende todo o procedemento, entre as que se inclúe dende a presentación inicial das alternativas até a entrega do Estudo Ambiental Estratéxico e tamén do proxecto de modificación puntual do PXOM preparado xa para a súa aprobación inicial e mesmo a elaboración da documentación necesaria para a publicación dos anuncios da súa aprobación definitiva.
Paralelamente, a Administración local mantén informado, de forma periódica, ao TSXG dos pasos dados na execución da sentenza que obriga á reposición da legalidade urbanística desta Unidade, para que teña constancia dos avances que se van materializando neste obxectivo, ao tempo que a área de Medio Ambiente ten en trámite un expediente de orde de execución instando á propiedade a realizar unha nova limpeza da maleza existente soar, logo da acometida en agosto de 2020 e coa finalidade de acondicionar o predio para que o seu estado non derive nun foco de insalubridade.