"Seguir traballando para atraer investimentos tanto públicos como privados é unha das nosas prioridades"

TerraChaXa | LugoXa
Falamos con José Ángel Santos, alcalde de Friol e presidente do GDR Terras de Lugo. Foi relexido estes días como presidente do PP de Friol.
jose angel santos alcalde friol
30 Xan 2022

Falamos con José Ángel Santos, alcalde de Friol e tamén presidente do GDR Comarca de Lugo. Foi relexido estes días como presidente do Partido Popular de Friol.

Pode facernos un balance do ano que terminou para o Concello? Cales serían as principais actuacións que se levaron a cabo?

O 2021 foi un ano marcado novamente pola pandemia, no relativo a non poder celebrar un ano máis a Feira do Queixo e do Pan de Ousá, o Friulio, a Festa da Xuventude,etc.

Pero con respecto a conseguir investimentos, tanto públicos como privados que axuden a que o noso pobo siga mellorando, foi algo no que tanto eu como o Equipo de Goberno estivemos traballando durante todo o ano. Houbo proxectos que saíron adiante e outros que aínda están por confirmar, pero todos son importantes para conseguir o que buscamos, que é que Friol sexa un concello con servizos, un municipio con oportunidades de traballo e unhas boas comunicacións, que fagan del un municipio atractivo para investir e para vivir.

Un dos proxectos mais importantes que se levaron a cabo durante o ano que rematou foi o proxecto piloto en Galicia para a reorganización da propiedade a través de permutas agrícolas voluntarias entre particulares. Comezou como algo pequeno entre catro ou cinco propietarios, pero durante o ano fóronse sumando máis, ata acadar uns 24 propietarios, cunha superficie de mais de 250 hectáreas.

Conseguimos que Friol sexa a sede do Grupo de Emerxencia Supramunicipal (GES), que dará cobertura a este municipio e aos de Begonte, Guitiriz, Palas de Rei (que antes pertencía á área de Monterroso) e Outeiro de Rei. O emprazamento de esta base será no polígono industrial do concello friolés, en unha das naves do edificio multiusos de propiedade municipal.

Durante o pasado ano aprobáronse axudas directas para os establecementos hostaleiros, e tamén para subvencionar as taxas municipais de todos os negocios de Friol, como tamén se bonifican as tasas municipais a todas aquelas empresas que decidan implantarse no noso municipio.

Iniciouse un novo servizo, o de madrugadores, que axuda na conciliación familiar e laboral das familias que o precisen. Abriuse un centro de día con prazas concertadas coa Xunta, que xestiona AFALU, un servizo básico para os nosos maiores.

O Concello de Friol adheriuse ás Escolas Mancomunadas de Música de Rábade, Begonte e Outeiro de Rei. Tamén se adheriu á plataforma de venta online de Ruralsell, o denominado “Amazon Rural”.

Realizáronse tamén obras de mantemento de camiños e vías municipais. Ademais de outras obras que se foron realizando durante todo o ano. Sendo unha realidade a execución por parte da Xunta de Galicia a mellora da estrada Friol – Palas de Rei.

Que quedaría por facer de cara a este ano?

Queda moito por facer, seguir traballando para atraer investimentos tanto públicos como privados, e unha das nosas prioridades, sobre todo estes últimos, posto que o tecido industrial é o que xera novos recursos, emprego e asenta poboación.

O ano 2022 será un exercicio moi interesante, no que se pode concretar a instalación de empresas que contribuirán a que Friol dea un salto importante nese sentido, e posible que sexa un dos mellores anos que marcará un antes e un despois para Friol e incluso para a comarca.

No ámbito público tamén teremos importantes investimentos por parte da Xunta de Galicia que asentaremos un proxecto de carácter social, será un proxecto asistencial e innovador.

E de cara xa a o futuro?

Pois un pouco do mesmo, seguir traballando para conseguir atraer tecido empresarial e tamén investimento público, para que os nosos veciños e veciñas teñan mais e mellores oportunidades e servizos, e tamén para intentar conseguir que xente que non é de aquí vexan a Friol como un concello no que poder vivir e investir, con unha boa calidade de vida, e decidan asentarse aquí.

Que necesidades ten o Concello a día de hoxe?

Friol precisa que o Goberno da Deputación Provincial tome en serio o seu cometido e fagan o seu traballo, nestes últimos tres anos non se lles viu, os concellos necesitamos de maneira urxente que a administración provincial arranxe as estradas da súa titularidade, dado que unha gran maioría da rede viaria provincial están nun estado deplorable, xerando perigo para os que a miúdo circulamos por elas, e sobre todo a que une o noso concello co veciño municipio de Begonte, pola que circulan un gran número de vehículos todos os días, sendo unha estrada vital para varios concellos da comarca de Lugo.

Estase a dar un importante impulso ao polígono industrial. Nos últimos meses Friol acolleu implantacións importantes. Que aporta esto ao Concello?

Que en Friol se asenten novas empresas é bo para o municpio e para toda a comarca. Este feito fai que os nosos veciños e veciñas teñan máis oportunidades de poder traballar no pobo, sen ter que desprazarse a outros lugares, co que se reduce o tempo e o gasto en desprazamentos. Ademais pode atraer a familias, interesadas en traballar aquí, co que a poboación increméntase e o pobo medra. Se o pobo medra, todos saímos ganando.

"Se hai máis inversións e máis negocios abertos nos concellos rurais que forman este GDR, todos nos beneficiamos, Administracións e veciños"

Como presidente do GDR, que aporta este organismo aos concellos e a súa xestión?

O GDR axuda aos emprendedores que queren sacar adiante un negocio, en calquera dos concellos que forman parte do GDR-4, tanto se son beneficiarios de unha das súas axudas como se non. Posto que é un organismo que asesora ás persoas que queren montar un negocio, informándoas de todas as axudas ás que poden optar, e tamén dos pasos que teñen que seguir para poder sacar adiante o seu proxecto. E se ademais resultan ser adxudicatarias de algunha das subvencións de AGADER, pois irían da man da xerente e das técnicas do GDR, que os guiarían en cada paso e proceso que teñen que dar ata poñer a andar o seu negocio. É unha ferramenta fundamental para que esas persoas que queren emprender en un concello rural, poidan facelo coñecendo todas as posibilidades que teñen ao seu alcance, e tamén coa tranquilidade e a seguridade que lles proporcionan os consellos e indicacións das profesionais que xestionan o noso GDR. Se hai mais inversións e mais negocios abertos nos concellos rurais que forman este GDR, todos nos beneficiamos, Administracións e veciños.

Que outras medidas se poden tomar para impulsar o rural?

Para impulsar o rural e imprescindible que existan unhas boas comunicacións, en todos os sentidos. Que se poida dispoñer de unha serie de servizos que faciliten a conciliación familiar e laboral. Que se instalen empresas privadas que xeren postos de traballo, riqueza e movemento económico no municipio. En todo isto é no que traballamos cada día dende o Equipo de Goberno.

O sector agrogandeiro segue a ter moitas necesidades. Cales serían as máis urxentes?

Pois que o Goberno central busque a fórmula legal para frear a suba da materia prima, que vai en beneficio de grandes fondos de investimento, e utilizar a Lei da Cadea Alimentaria para fixar un prezo digno para o leite e a carne. Con estas medidas as explotacións existentes terían unha maior marxe de beneficio, polo que se evitaría a desaparición de un gran número delas, e tamén serviría de incentivo para novas incorporacións. Regular os prezos da enerxía tamén sería outra medida aplaudida por este sector, algo que me temo que por desgraza con este goberno en Madrid non vai ocorrer.

"O meu desexo dentro do partido pasa por conseguir o goberno da Deputación de Lugo, e para iso é fundamental ter unha estratexia a nivel provincial"

Tamén vén de ser reelexido presidente do PP de Friol por abrumadora maioría. Síntese respaldado polo partido?

Por suposto, síntome protexido tanto pola dirección provincial coa nosa Presidenta Elena Candia o frente como polo Presidente Feijóo, ambos sempre están preto das demandas ou necesidades que ten Friol.

Vostede soou moi forte para ter un cargo importante dentro do comité executivo provincial, de feito, si forma parte do autonómico co Presidente Alberto Núñez, moita xente e compañeiros do seu partido vótano en falta, que pasou para que non dera ese paso?

Non pasou nada, desde o meu punto de vista non era o momento de entrar no organigrama por falta de dispoñibilidade, actualmente, entre o Concello, o GDR e a explotación xa non me quedan horas do día para mais, debido a miña forma de ser, si estou ocupando un cargo debo de traballar e defendelo da mellor maneira posible, para iso necesítase tempo, algo que neste momento non teño.

Hai un comité executivo formado por compañeiros que estou de seguro que traballaran da mellor maneira para lograr as metas marcadas para o vindeiro ano, non me cabe ningunha dúbida de que teñen a capacidade e a experiencia para conseguilo, e desde Friol aportaremos o mellor de nos mesmos, cos mellores resultados posibles.

Que proxectos de futuro ten dentro do partido, cando dispoñerá dese tempo para formar parte da dirección? E que previsións ten para os próximos comicios?

O meu desexo dentro do partido pasa por conseguir o goberno da Deputación de Lugo, e para iso é fundamental ter unha estratexia a nivel provincial, formar equipos potentes que xeren ilusión entre a poboación, sobre todo nos municipios onde o PP non goberna, marcar unha liña de traballo xa e seguila ata o final.

De momento ese tempo do que vostede me pregunta non o teño, por tanto, vamos ir avanzando e vendo como vai trasncorrendo a vida, neste momento non toca falar de postos, toca traballar, para dar resposta aos veciños e veciñas da provincia e non defraudalos, eses veciños que nos demandan constantemente que debemos de contribuír a un cambio de goberno tanto na cidade como na Deputación de Lugo, aí e onde deben ir dirixidas as forzas do partido popular de Lugo.

Un bo resultado no partido xudicial de Lugo sería vital para conseguir ese obxectivo, así como obter os mellores resultados posibles na cidade de Lugo. Temos que conseguir que os lucenses vexan todo o que poden conseguir e mellorar con un cambio no goberno local, que ata o de agora foi nefasto para Lugo. Con equipos, con estratexia e con unha liña de traballo e posible conseguir uns bos resultados a nivel provincial.

Un desexo para este ano que comeza?

Que en este 2022 poidamos confirmar e sexan unha realidade a implantación deses proxectos que temos entre mans, e coas xestións ben encamiñadas, agardemos que neste ano se vexan  realizados, sempre redundando no beneficio dos nosos veciños e veciños e en definitiva sirvan para ese gran impulso que lle agarda a Friol.

0.18511605262756