Segunda xornada de mobilizacións en CAPSA para a suba salarial
Os traballadores e as traballadoras da factoría que Corporación Alimentaria Peñasanta (Capsa) ten en Robra (Outeiro de Rei) continuaron este mércores co calendario de mobilizacións para esixirlle á empresa que cumpra coas garantías económicas recollidas no convenio propio. O persoal realizou un paro laboral de dúas horas e concentrouse diante das instalacións dende ás 13.00 ás 15.00 horas.
O comité (con representación íntegra da CIG) lembra que despois de varias reunións solicitando que faga efectiva a revisión salarial conforme ao IPC real, tal e como se recolle no convenio colectivo, a empresa aínda non aplicou o incremento nin manifestou vontade neste sentido.
Para os traballadores e as traballadoras resulta "gravísimo este incumprimento do convenio, máxime nun momento no que o custe da vida está disparado e os salarios perden poder adquisitivo a causa da elevada inflación". Por iso, ante a falta actualización dos soldos nos termos pactados no convenio, o persoal acordou iniciar mobilizacións.
Folgas parciais este mércores e o da próxima semana
A primeira realizouse a pasada semana cunha concentración diante da planta de Outeiro de Rei, mentres que para onte e o mércores próximo tamén están convocados paros laborais de dúas horas, que nesta xornada tivo un seguimento do 100%.
O secretario comarcal da FGAMT-CIG de Lugo, Christian López, cualifica de "impresentábel" que un grupo empresarial de ‘base cooperativa’ que declara enormes beneficios e proxecta unha imaxe mediática de forte compromiso co sector, "non se aveña a cumprir cos termos pactados na negociación colectiva".