Seis clubs da provincia reciben subvencións para promover o deporte con discapacidade

TerraChaXa | LugoXa | RibeiraSacraXa | AMariñaXa
O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a relación definitiva das solicitudes beneficiarias, as desestimadas e as inadmitidas, ao abeiro da Orde do 13 de abril de 2023 para a concesión de subvencións a clubs deportivos galegos con licenzas de deportistas con discapacidade, para a adquisición de equipamentos deportivos para deporte adaptado.
baloncesto discapacidade
25 Ago 2023

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a relación definitiva das solicitudes beneficiarias, as desestimadas e as inadmitidas, ao abeiro da Orde do 13 de abril de 2023 para a concesión de subvencións a clubs deportivos galegos con licenzas de deportistas con discapacidade, para a adquisición de equipamentos deportivos para deporte adaptado. Estas subvencións inclúense no Plan de Promoción da Igualdade no Deporte no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia- Financiado pola Unión Europea – NexGenerationEU. En total, foron 46 os clubs beneficiarios destas axudas que contaron cun crédito orzamentario de preto de 227.000 euros (226.754 euros).

Máis polo miúdo, na provincia de Lugo foron seis as entidades beneficiarias: Societario de Cazadores Terra Cha (Cospeito) con 3.552 euros para diverso equipamento de tiro adaptado a persoas con discapacidade; Club de Tenis As Termas (Lugo) con 5.000 euros para cadeiras de rodas adaptadas; Club Fluvial de Lugo (Lugo) con 5.049 euros para embarcacións adaptadas; Club Piragüismo Ciudad de Lugo (Lugo) con 4.860 euros para embarcacións adaptadas; Club de piragüismo Altruán de Ribadeo (Ribadeo) con 2.228 euros para embarcación adaptada; e Club Hípico La Cruz (Taboada) con 5.102 euros para diverso equipamento hípico adaptado a persoas con discapacidade.

LICENZAS

Todos os beneficiarios son clubs deportivos galegos que na tempada 2022/2023 ou 2023 contaron con licencias de deportistas con discapacidade. A Xunta de Galicia cubre o 80% do gasto subvencionable e o importe máximo da axuda é de 5.000 euros.

A practica deportiva, a nivel competitivo, caracterízase pola necesidade de contar cunha serie de equipamentos deportivos que faciliten e melloren as condicións nas que os deportistas desenvolven a súa modalidade ou especialidade. Neste sentido, faise preciso arbitrar un sistema de axudas públicas dedicadas á adquisición de equipamentos, a fin de contribuír na modernización e actualización do material deportivo necesario para o adecuado exercicio da práctica deportiva do que dispoñen as citadas entidades. Particularmente a atención ao colectivo de poboación con algún tipo de discapacidade convértese nun reto ineludible para os poderes públicos, a fin de posibilitar que a súa liberdade e igualdade sexan reais e efectivas, removendo os obstáculos que impiden ou dificultan a súa plenitude e facilitando a participación de todas e todos, entre outras, na práctica deportiva.

Esta orde de subvencións chega nun dos momentos máis doces do deporte adaptado galego que vén de realizar unha brillante actuación nos Xogos Paralímpicos de Toquío. A delegación galega formou o 15% da selección española paralímpica e regresou de Xapón co 87,5% dos deportistas clasificados entre os oito mellores do mundo.

Cómpre salientar que a Xunta de Galicia xa investiu máis de 4,6 millóns de euros en 2022 para a adquisición de equipamentos deportivos, sendo o máximo histórico anual dirixido a este obxecto que representou o 44,61% do total do investimento da Xunta de Galicia no período 2019-2022 e o 46,7% de entidades beneficiarias neste mesmo período. Dende o exercicio 2019, o Goberno galego destinou un total de 10,34 millóns de euros a subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos, resultando beneficiarias un total de 1.741 entidades.

A través destas ordes de axudas de equipamentos deportivos, as entidades xa podían obter equipamento deportivo adaptado. A novidade é que a orde de equipamentos aprobada polo Consello é a primeira que se publica especificamente para deporte adaptado.

0.20159602165222