Seis novos proxectos empresariais incorpóranse ao CEI-Nodus municipal

LugoXa
O Executivo de Paula Alvarellos vén de incorporar seis novos proxectos empresariais ao CEI-Nodus municipal.
cei_nodus
16 Mar 2024

O Executivo de Paula Alvarellos vén de incorporar seis novos proxectos empresariais ao CEI-Nodus municipal. O concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, mantivo un encontro coas emprendedoras e emprendedores instalados neste Centro de Empresas e Innovación no que deu a benvida aos seis novos proxectos que ocuparán outros tantos espazos neste viveiro de empresas municipal. “Trátase de empresas que ofrecen servizos moi variados dende deseño e rotulación, coach e asesoramento, restauración de patrimonio cultural ou servizos funerarios”, explicou o edil.

Repetto lembrou que cando está piques de cumprir o seu 20 aniversario, “o CEI-Nodus é unha clara mostra da aposta do goberno municipal polo fomento da innovación e a cultura emprendedora en Lugo, pois baixo o seu paraugas, xa se desenvolveron máis dun centenar de empresas na cidade, elevándose a porcentaxe de supervivencia das mesmas por riba dun 75 %”. A través desta ferramenta dende o Goberno local buscan dar oportunidades aos mozos e mozas, “para reter o talento en Lugo, e facilitar a implantación de novas empresas na nosa cidade”, engadiu o edil.

No encontro tamén participou o persoal municipal do CEI-Nodus, así como o novo axente local de innovación que o Concello vén de incoporar, a través dunha subvención do Ministerio de Ciencia e Innovación, grazas á súa adhesión á Rede Innpulso, un foro de encontro de todos aqueles municipios distinguidos co galardón "Ciudad da Ciencia e a Innovación", que outorga anualmente o Ministerio e que recibiu Lugo o pasado ano. “Trátase dunha figura moi importante coa que queremos seguir potenciando o tecido emprendedor lucense, apoiando a súa dixitalización e a incoporación de novas ferramentas que incrementen a competitividade e o rendemento das nosas empresas”, explicou o concelleiro.

Nova normativa do CEI-Nodus

Por outra banda, o edil presentou aos emprendedores e emprendedoras a nova normativa de uso e acceso aos locais do CEI-Nodus que o Executivo de Paula Alvarellos vén de aprobar co fin de de potenciar o ecosistema emprendedor lucense, facilitando unha maior rotación nos locais e dando oportunidades a todas e todos os interesados en poñer en marcha os seus proxectos neste viveiro empresarial.

Así, entre as novidades que se introduciron, para promover e diversificar a posta en marcha de novos proxectos na cidade, atópanse a limitación a unha única autorización de uso dun local por parte dun mesmo solicitante, “co fin de facilitar o acceso aos espazos a unha maior cantidade de emprendedores; ou a cesión dos locais por unha vixencia temporal máxima de tres anos, para favorecer a renovación das empresas e o apoio ao maior número de proxectos posible”, explicou o edil.

Deste xeito, os solicitantes só poderán optar a un local e as autorizacións de uso terán unha vixencia temporal de doce meses, prorrogables por iguais períodos, ata un máximo de trinta e seis meses (3 anos). Igual réxime se aplicará aos usuarios da sala de coworking; mentres que o tempo máximo de permanencia dos emprendedores no semilleiro de empresas será de seis meses.

O Centro de Empresas e Innovación do Concello de Lugo púxose en marcha en novembro de 2004. Conta con 23 espazos para o desenvolvemento da súa actividade por empresas de nova creación, 5 talleres, 2 laboratorios e 16 locais. Tamén conta cun espazo dividido en 5 compartimentos para Semilleiro e un espazo Coworking. Nos últimos cinco anos, un total de 122 empresas estiveron instaladas nestas dependencias municipais, onde tamén recibiron asesoramento uns 220 emprendedores.

“Actualmente todos os espazos e despachos atópanse ocupados, o que dá boa mostra do interese destas instalacións e servizos para os emprendedores e emprendedoras lucenses”, concluíu Repetto, quen convidou ás e aos interesados a enviar a súa solicitude que será avaliada no momento en que queden locais dispoñibles.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.19227004051208