Semente Coral levará a música aos centros educativos lucenses

LugoXa
A proposta foi beneficiaria da convocatoria de axudas do programa ‘Iniciativa Xove' da Xunta
iniciativa-xove-corais-xunta
20 Sep 2025

A Xunta colabora co proxecto Semente Coral, que ten por obxecto revitalizar a música vocal colectiva entre a mocidade galega. O delegado territorial, Javier Arias, reuniuse con Pablo Rico, promotor da iniciativa, beneficiaria da liña de axudas convocadas este ano con cargo ao programa Iniciativa Xove.

A proposta contempla a organización de concertos didácticos de canto coral en centros de ensino para fomentar este tipo de música entre os mozos e mozas. Conta cun compoñente interxeracional, ao conectar á xente nova con veteranos, e tamén pon o foco na difusión dixital en colaboración coa Federación Coral Galega (Fecoga), que preside Rico.

Neste momento xa se están a fixar as datas dos primeiros concertos en colexios lucenses. Ademais de divulgar a música coral, con esta acción tamén se fomenta a participación e a cultura entre os máis pequenos.

O programa Iniciativa Xove, convocado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, vai destinado a apoiar actividades concibidas polos mozos e mozas nas que eles mesmos participen de forma activa e directa. Deste xeito, facilítase que asuman a execución e a administración dos recursos.

No conxunto da provincia, resultaron seleccionados nove proxectos que versan sobre distintas áreas de actuación, como é a música, a recreación histórica, o xadrez, o deporte ou a promoción de hábitos de vida saudables.

⚙ Configurar cookies
0.10700488090515