Sergio “Maravilla” ofreceu unha charla motivacional sobre o poder transformador do boxeo en Lugo

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo converteuse hoxe nun espazo de inspiración coa visita de Sergio “Maravilla” Martínez, quen ofreceu unha charla motivacional aberta ao público.
O acto contou coa presenza do delegado territorial, Javier Arias, e do tamén exboxeador Alberto Piñeiro “El Piña”, impulsor da iniciativa desde o club Team Piña Boxing.
O arxentino, con 12 títulos mundiais no seu currículo, compartiu a súa experiencia persoal e profesional, facendo fincapé na súa visión do deporte como ferramenta de transformación tanto individual como colectiva.
Martínez tamén presentou o seu Método Maravilla, unha proposta que utiliza o boxeo para previr o acoso escolar e fomentar valores como a autoestima, a disciplina, o esforzo e o respecto, especialmente entre a mocidade.
A charla estivo dirixida a un público amplo, desde estudantes e familias ata deportistas e profesionais do ensino.
Ao remate do encontro, os asistentes tiveron a oportunidade de fotografarse co recoñecido exboxeador, nun acto que destacou polo seu carácter próximo e motivador.