Sés presenta en Lugo o seu novo libro-disco 'Nadando na incerteza'

A cantautora galega María Xosé Silvar, máis coñecida como Sés, estará no centro social Madialeva de Lugo este sábado ás 17:00 horas para participar nun encontro con público, no que conversará sobre o seu traballo e asinara exemplares do seu novo libro-disco Nadando na incerteza.
O proxecto Nadando na incerteza, que Sés presentará en Lugo, supón unha nova etapa na súa evolución artística. Trátase dun libro-disco acústico e intimista que reúne trece cancións orixinais nas que a palabra e a melodía ocupan o centro da proposta, lonxe de artificios electrónicos ou producións excesivas. Cada tema está concibido para sosterse por si só, cunha instrumentación depurada e unha sonoridade pura que reflicte a esencia da canción de autor.
Nesta xornada en Lugo, ademais da conversa con Sés, quen explicará as claves do proceso creativo e as razóns detrás desta nova etapa artística, o público poderá adquirir e obter a sinatura do seu libro-disco Nadando na incerteza, unha obra que representa tanto o camiño percorrido pola artista como o seu compromiso coa sinceridade, a liberdade creativa e a música como forma de expresión honesta.